6/3/14

TAMÉN LEN CO NOVO INSPECTOR ANTONIO ESTÉVEZ.



O 25 de febrero pasado tivemos como invitado especial ao novo inspector do noso instituto, Antonio Estévez. A sala da Biblioteca foi embelecida polos creativos e fermosos centros de mesa aos que nos ten acostumados Begoña, a nosa conserxe e colaboradora especial en tantas tarefas de base. Fixo os honores da presentación Chefa, a nosa directora, quen falou da orixe salcedense do invitado e das súas vicisitudes persoais e profesionais: 

    PRESENTACIÓN de Antonio Estévez “Inspector”:

Que Parderrubias é o centro do mundo, a estas alturas, non o dubida case ninguén.    Realidade é que Parderrubias ocupa o lugar central dentro da vida académica do noso concello. O futuro deste pobo está a incubarse entre estas pedras, ou máis ben entre estes libros, que agora nos acollen. O  destino está nas vosas mans, e nos vosos ollos. Nas lecturas que asimiledes nestes próximos anos.

Parderrubias.  No diario El País, no seu suplemento “El Viajero”, do 3 de abril de 2010, Parderrubias figura entre os topónimos  máis curiosos de España, pobos con chispa, din eles... “La hija de dios”, “Poyales del Hoyo”, “Guarromán”, “Coscojuela de Fantova”, “Peleas de arriba”... sen dúbida, Parderrubias, é o máis fermoso entre todos eles.

Grandes pedras, grandes penas houbo dende sempre nos outeiros de Parderrubias, e dende sempre a brillar cos raios de sol que iluminaban estas fermosas paraxes... e os tempos non mudan en Parderrubias. Agora non son as pedras as que brillan, agora son os seus homes e mulleres quen destacan nas facetas as que se adican... porque ser de Parderrubias, e por riba, levar o apelido Estévez (fillo de Estevo) é sinónimo de éxito.

Cos datos referidos con anterioridade todos estamos a pensar en Ramón Antonio Gerardo Estévez Phelan, máis coñecido como Martin Sheen, actor norteamericano e fillo do veciño de Parderrubias, Francisco Estévez. A quen seguiremos esperando cos libros abertos, por se algún día temos a sorte de que nos acompañe nunha sesión deste “Tamén len”.
Pero hai outro importante veciño de Parderrubias, nacido a carón deste instituto. Outro Antonio Estévez que non protagonizou historias na gran pantalla pero sí diferentes capítulos do mundo do ensino. Foi, como case todos vós,  alumno do Altamira, cursou o bacharelato en Tui e posteriormente diplomouse en Enxeñería Técnica Industrial. Foi profesor de Formación Profesional pola rama de electricidade, xefe de estudos e director do Instituto Politécnico de Vigo e actualmente é Inspector do Servizo de Inspección da mesma cidade. E é así, como inspector da zona, como volve á súa Parderrubias natal para axudarnos, e acompañarnos nesta ardúa tarefa como é a formación dos seus veciños.
E como é ben seguro que moitos de vós non tendes moi claro o que é un Inspector pedímoslle axuda a algúns compañeiros para ver se vos poden clarificar esta cuestión.

                                              Chefa. Directora do IES Pedras Rubias.


Fernando, xefe de estudos e profe de castelá, tivo a iniciativa de facer un pequeno video onde se entrevistaba a varios alumnos e alumnas preguntándolles que idea teñen do que é un inspector, a que se adica, etc. As respostas en verdade que foron ocurrentes e rimos un bo rato coa súa intervención. 
   
                   
               
Seguidamente, Mar e Jose, de 4º ESO, interpretaron unha peza de Brahms cos seus destros clarinetes.


Tamén pensamos que era unha boa ocasión escoitar os versos que Ettohami, un novo alumno marroquí que está traballando e progresando moito no noso idioma, quixo ler en árabe para sorpresa de todos e satisfacción propia.
                 
           2014-2. Tamén Len. Ettohami from biblosvivos on Vimeo.

Con estos “teloneiros de altura” o inspector estivo encantado de estar entre nós e agradeceu esta magnífica acollida.
Comezou falando de dous libros que lle influíron especialmente cando era adolescente: “O escarabello de ouro” de Poe e “Juan Salvador Gaviota” de Richard Bach. Decantouse por este último para compartir con nós e recomendouno porque ten unha lectura fácil, cun fondo e unas ideas moi positivas sobre as que reflexionar para andar pola vida.
Richard Bach era un piloto das forzas aéreas de EE.UU. que escribiu sobre a idea de voar e as ansias de liberdade. Éste é un libro para todas as idades, que se convertiu nun best-seller nos anos 70. Trata dunha gaivota que se sinte un pouco frustrada por facer o propio dunha gaivota,  ela quería algo máis, porque a súa máxima aspiración era voar e perfeccionar o vo. Será rexeitada polas outras gaivotas que non a comprenden, pero ao final será admirada e provocará que as demais se esforcen coma ela. A moralexa é que con esforzó se consigue todo o que nos propoñemos. A verdade é que podemos dicir con gracia que é un tema moi acaído para un inspector.


Aínda quedaba o turno de preguntas no coloquio final, pero o inexorable timbre decidiu que era hora de clase e quedamos emprazados para outra ocasión. Agradecemos todos a presenza de Antonio e a súa amabilidade por aceptar esta invitación a ler e compartir as inquedanzas do mundo das bibliotecas escolares.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Gustoume o video porque tiña un pouco de humor, coñecin a un inspector e divertinme cos meus compañeiros.Con este comentario estou mostrando como se fai un comentario a algúns compañeiros que nunca o fixeron.Kevin 1ºB ata logo a todos e a todas

Anónimo dijo...

Me encanta Ettohami, es hermosoooooooooooo!

Anónimo dijo...

Encantaronme os videos estan fenomenal