Debuxos de BÁRBARA CARMONA
GUILLERMO. 4ºA.
Cali é unha
pequena pantasma travesa que ten os poderes propios da súa condición; como toda
pantasma ten a particularidade de poder atravesar paredes, vivir unha
eternidade, vagar e vagar no espazo e no tempo, ter o don da ubicuidade… Aínda que
leva entre nós xa un lustro, pasou varias tempadas alonxada, pero agora volve
para facerse máis presente e compartir con nós múltiples experiencias. Para facelo
posible ocorréusenos idear un Cali que é quen de transformarse no que sexa
necesario en relación ao que esteamos a traballar cada curso, e disfrutrar un
sen fin de aventuras…
Este curso
2013-2014, o lema da nosa Biblioteca Calixtina é “Viaxes Reais, Viaxes Imaxinadas”, por iso o seu morador perpétuo, a
Pantasma Cali, tivo o antollo de transfigurarse en “TROTAMUNDOS”, facéndose así
protagonista de excepción e nexo de unión das diferentes actividades que
ideamos e montamos ao redor desta temática tan atractiva.
Para
materializar a transformación de Cali en Trotamundos pedimos a inestimable
colaboración dunha alumna con destrezas probadas na arte do debuxo: falamos de
Bárbara Carmona Guillermo, de 4º A. A
capacidade transformadora da pantasma deulle a pauta para elaborar uns marabillosos
e interesantes bosquexos a lápis que van mostrando este proceso de cambio. A
idea era crear un personaxe libre,
decidido, curioso, participativo, aberto, sensible, amante da lectura, do
cinema, dos novos medios, atento ao que pasa ao seu redor e comprometido coa
realidade…; e que fose representativo tanto do masculino como do feminino, que se
identificara con calquera de nós e rompera moldes. Bárbara recolleu estas
características e, inspirada nos personaxes de manga xaponés, empezou a trazar
un Trotamundos coa mochila ao lombo, que camiña, avanza, entra en aventura, fai
itinerarios, párase a pensar, adícase a ler, a escoitar, a soñar, a contemplar
o que lle sae ao paso, nas súas andainas en diferentes contextos e posturas. De
entre as imaxes destacamos esa espléndida imaxe na que é capaz de desenvolver a
maxia de provocar que os libros que caen nas súas mans cobren vida e deles
saían personaxes fabulosos…
Presentámosvos a este Cali
Trotamundos con mochila que camiña ao noso carón… A súa presenza xa se notou no
corredor xunto ás exposicións feitas ata o de agora, en especial sobre “O bosque das linguas do amor”.
Queremos facer constar o agradecemento
polo magnífico traballo de Bárbara e das súas colaboradoras, Isabel e Wardía. Foi un pracer disfrutar da súa creación.
A
coordinadora da Biblioteca Calixtina.
1 comentario:
Magnífico traballo o de Bárbara!!!! Noraboa, é toda unha artista. Só sinto terme perdido a Wardia enriba da mesa facendo de modelo... :).
Publicar un comentario