28/2/15

Certame Literario: FÓRMULAS DE BO AMOR.

LABORATORIO DO BO AMOR

Para conmemorar o Día dos Namorados, convocamos un concurso de escrita dende a Biblioteca Calixtina, en colaboración cos Dpts. de CCNN e Lingua Galega, coa idea de animarvos a expresar o que pensades en positivo sobre as relacións amorosas, que ingredientes ou “fórmulas” son as indicadas para que o “experimento” teña un final feliz. Ademais, podedes expresarvos en calquera lingua que dominedes.

Sabendo que estamos condicionados moitas veces por unha maneira errrada de entender as relacións interpersonais e sentimentais, cremos que é importante facer una reflexión sobre os “asuntos do corazón”; por iso queremos aproveitar a ocasión para idear e construír un mural onde plasmar un particular “LABORATORIO DO AMOR”, e onde a “Química do AMOR” quede enchida dos efluvios desprendidos dos experimentos que cada un de nós é quen de formular cos “ingredientes esenciais”. Creando as mellores “FÓRMULAS DE BO AMOR”.

Formular é receitar, prescribir, manifestar, expor con claridade e precisión. Unha fórmula é un medio práctico para resolver un asunto complicado, é una receita na que se indican os elementos que se deben empregar na curación de algo ou alguén, é una expresión matemática que resume os cálculos necesarios para a resolución dun problema e que serve como regra de uso para eses casos, é a representación simbólica, mediante letras e números, da composición dunha substancia química. É, ante todo, pensar a mellor das vidas para cadaquén, e para todxs, porque tamén podemos pensar o que hai, no amor, de colectivo…

Unha vez aclarado o que debemos facer, poñámonos a inventar e formular as mellores receitas para acadar o BO AMOR, non esquezamos que a experiencia vale un grao (como adoita dicirse), e teñamos en conta o que sabemos que funciona e o que non, por iso é moi importante elixir ben os elementos que provocan reaccións positivas e deixar fóra os que orixinan reaccións negativas, explosiónsssssssss destrutivas!!!!


Lembrade os conceptos que relacionamos co BO TRATO e que están expresados no seu mural: respecto, igualdade, dignidade, liberdade, amizade, equilibrio, benquerencia, amabilidade, compañeirismo, agarimo, compromiso, empatía, lealdade, coidado, asertividade, solidariedade, feminismo, comprensión, bo amor…, e deixemos fóra os negativos, que todxs sabemos cales son…, non si?

Paralelamente, ofreceremos neste blog, certos recursos relacionados, que poden servir para acadar unha boa educación sentimental: textos, videos, cancións, poemas… Ademais de poder adicar tamén cancións ou música na RADIO ESCOLAR, seguindo a liña do Bo Amor.
 -------------------- * --------------------


BASES DO CONCURSOFÓRMULAS DE BO AMOR


Podedes participar no CONCURSO “FÓRMULAS: A QUÍMICA DO BO AMOR”, ao longo deste trimestre de primavera que asoma, para pensar nas mellores receitas ou fórmulas para acadar fantásticas, magníficas, marabillosas, en definitiva, boas relacións sentimentais.

Para iso non tedes máis que formulalas así, por exemplo:

A = I +

-Especificando que: A é amor, I é igualdade, R é respecto; usando as variantes e elementos que consideredes esenciais na fórmula que queredes proponer e compartir.
-E usando calquera letra, número, símbolo, signo.
-Dándolle un ton poético ou científico, fantástico ou realista …
-En calquera lingua que dominedes.
-Serán escritas sobre corazóns de cores seguindo este modelo:

     (recortades un corazón no material e cor que queirades (como moi grande folio A4, ou menos)onde escribiredes a vosa fómula, ese corazón terá outra parte en forma de ronsel ou etiqueta a un lado, onde explicades a clave para entender dita fórmula)

-Que presentaredes sen nome, cun pseudónimo escrito por detrás, cos datos en sobre pechado e por fóra só ese pseudónimo ou sobrenome. Entregaranse nos recreos na Biblioteca, ata o 12 de marzo.

-Unha vez formuladas colocarémolas no “LABORATORIO DO AMOR”, para ser “estudadas e experimentadas e ver a súa efectividade”.

-Será premiada a fórmula mellor valorada polo xurado, que estará composto por expertxs na “Ciencia do Bo Amor”.

-O PREMIO consistirá nunha CEA ROMÁNTICA PARA DOUS…

ANIMÁDEVOS E NAMORÁDEVOS BEN!!!!


2 comentarios:

Unknown dijo...

Hola! son o ex-alumno David Gómez. Agora mesmo estou a acabar segundo de Bacharelato e comunicaba convosco para dar a coñecer o web-comic que estou a facer. Está basado na cidade de Vigo.

http://lasinfoniadeldespertar.blogspot.com.es/

Saudos

biblosvivos dijo...

Encantadas de saber de ti, David, e grazas por compartir connosco as túas "obras". Sorte.
Paula