23/11/14

RECURSOS PARA ANALIZAR E TRABALLAR OS MALOSTRATOS

A Biblioteca Calixtina -como centro de recursos e dinamizador- xunto cos Dpts. de Orientación e CC.SS, e o traballo dxs titorxs, aunamos esforzos para organizar unha serie de actividades encamiñadas a informar dende o achegamento á realidade, para valorar esa información, analizar esta problemática e sensibilizarnos ante ela; co obxectivo de educar na igualdade, dignidade, respecto, liberdade, pero sabendo que namentres non cambien "as estruturas e a mala educación" que xeran actitudes machistas, desigualdade e violencia de xénero, non acadaremos un cambio nas nosas sociedades.

Aproveitamos a conmemoración do 25 de novembro, "Día Internacional contra a violencia de Xénero", para empezar a construír certas actividades coa participación de todas as partes, sobre todo coa idea de implicar ao alumnado dun xeito activo e directo, e tamén a toda a comunidade educativa. 

Os últimos días estivemos con outros temas na cabeza e promovendo outro tipo de dinámicas; foi necesario esperar para non saturar ou bombardear abrindo diferentes frontes, por iso o noso plan é comezar a traballar este tema a partir desta semana e durante o que queda de trimestre.

Planificamos as seguintes actividades contra a violencia machista:

-Dende o cinema: 
   - 3º e 4º verán e analizarán o filme de Benito Zambrano "Solas".
   - 1º e 2º analizarán varias curtas alusivas a este tipo de violencia.

-Dende as titorías: 
   - Traballarán as unidades didácticas elaboradas para comentar ditos filmes.

-Dende a Biblioteca, Orientación e CCSS: promovemos a construción dun 

   "Muro dos  BOS TRATOS" 

onde plasmar os conceptos positivos relacionados, ademais de expoñer nel unha foto fixa de cada aula poñendo en escena un slogan ideado por cada grupo, no que teñen que participar todxs expresando a súa sensibilidade ante esta problemática. A idea é promover pensamentos e actitudes positivas, para enfrontalas no corredor do instituto á evidencia da frecuencia alarmante destes actos a través dos retallos de prensa sobre

 "MALOSTRATOS"

-Ademais de estar no ánimo dalgúns alumnos e alumnas gravar un video ou curta que permita desenvolver a idea de cada grupo elaborando un guión respecto ao tema.

-> Todos os materiais serán expostos ou difundidos no monitor da entrada do Instituto e a través da páxina web e do blog biblosvivos.

Quedan aquí as referencias aos recursos relativos á violencia machista que fomos recopilando, destacando os enlaces seguintes:

-Tipos de vilencia. Miguel Murillo (sociçologo criminal)




-La escalera de la violencia. WWW.ELMURO.MX

     
                             
-El maltrato "sutil"



-La violencia contra las mujeres es cosa de hombres



-Caricatura de los roles de género (coeducacioniam)



-Matriarcas. Guadi Galego.(canción último disco "Lúas de outubro e agosto", 25 novembro 2014)


-Piropos o acoso? polas rúas de New York

          

-Danza en contra de la violencia a la mujer





Enlace ao sitio: El cine como estrategia didáctica:
http://cinedidactica.blogspot.mx/2008/07/violencia-contra-las-mujeres.html

Enlace á acción contra a violencia machista en Pontevedra:
http://www.20minutos.es/noticia/2301096/0/ayuntamiento-pontevedra/campana-violencia-machista/puta-cerda/

E por suposto, destacamos os moitos e interesantes materiais colgados no blog de referencia trafegandoronseis.blogspot.com do que deixo este enlace:
https://www.youtube.com/watch?v=w025k777LDg

                 

20/11/14

APARICIÓNS E SANTA COMPAÑA

"Na literatura popular galega, e na vida cotiá do mundo rural, son abundantísimas as historias de aparecidos e da Santa Compaña. Son historias que a cultura moderna considera supersticións herdadas dos tempos escuros, dos tempos da ignorancia. Pero as cousas non son tan simples.
O antropólogo Xosé Ramón Mariño ofrécenos unha escolma na que aparecen narracións sobre a morte, sobre o seu sentido e o medo que produce: sobre os agoiros e visións que anuncian un próximo falecemento; e sobre as relacións entre vivos e mortos, que van dende as moi distantes ás que supoñen unha intensa convivencia, e incluso a posesión dun vivo por un defunto.
Superando os tópicos e o desprezo habituais, Mariño xulga as historias de aparecidos como unha creación cultural estimable que permite, entre outras cousas, mitigar a angustia ante a morte, transmitir normas básicas para a convivencia e reforzar as relacións sociais. E, por suposto, como tema literario, contan con todos os ingredientes para interesar e emocionar os oíntes e os lectores. Case nada". (Presentación sacada do libro "Aparicións e Santa Compaña" de Xosé Ramón Mariño Ferro).



O citado foi o libro do que seleccionamos os textos para ler na "Sesión de Lecturas Terroríficas", onde diferentes membros do Club de Lectura participaron animadísimos nunha Santa Compaña que fixo as veces de transmisora destas historias que viven entre nós, historias que desasosegan e que rozan o sentido da vida e da morte.

Foron de aula en aula anunciándose, e cravando unha 
listaxe de libros e filmes de terror 
para animar ao seu disfrute, 
e que están expostos entre telarañas esperando a ser desempoados. 


















Foi na Biblioteca, ás escuras, alumeados por cirios e caracús, onde realizamos esta singular sesión, entre calafríos, pero tamén con risas...






Normalización Lingüística organizou un concurso para valorar as tres mellores cabazas feitas polos diferentes grupos de alumnos e alumnas; ademais de facer participar tamén á Santa Compaña nun "Magosto Terrorífico" .


18/11/14

Video do Recital de Poesía e Ciencia na Biblioteca de Salceda. Outono 2014.

Facemos un apéndice á entrada anterior para deixar colgado un video co poema de Nicanor Parra, "Soy el individuo", a varias voces. E agradecemos, como non, a participación de lectores do noso Club Siareiros da Palabra.



Anunciar tamén que na Radio Escolar, foron gravadas as súas voces para emitir nun programa de radio no recreo desta semana, en concreto o xoves 20. Difundimos así tamén, a través deste medio, a Poesía e a Ciencia, coa iniciativa e colaboración de Fernando, xefe de estudos e promotor da radio este ano.

13/11/14

RECITAL DE "POESÍA E CIENCIA"


No noso blog do Club de Lectura xa relatamos como os Siareiros da Palabra foron os artífices de levar a bo porto a idea de relacionar a linguaxe poética con aspectos científicos, números ou avances técnicos. Deste xeito foi como adicamos un recital á "Poesía e Ciencia". Ademais pensamos que sería unha magnífica forma de empezar o curso e de celebrar as Bibliotecas Escolares.


Seleccionamos 10 poemas relacionados, uns en castelá, outros en galego, e os preparamos en varios ensaios para acadar unha lectura alta e clara, boa entoación e dicción, sentido e sentimento. Participaban unha ducia de alumnxs que se brindaron gustosxs a interpretar a poesía, e contamos con dúas presentadoras de excepción.

Foi no recreo do venres 7 deste mes que poidemos facer a sesión, e comezámola con música dodecafónica de Arnold Schönberg; acampañamos a lectura de cada poesía co texto e imaxes suxestivas nunha presentación, que nos serviu ao mesmo tempo para dar a coñecer as obras do fotógrafo Chema Madoz, que nos pareceu que acaían moi ben para complementar as palabras de poetas como Nicanor Parra, W. Szymborska, Boris Vian, Gloria Fuertes, etc.

Certo é que esperabamos algún público máis, pero quedamos satisfeitos coa experiencia e o resultado, pois o entusiasmo dos participantes é de destacar; ademais do seu bon facer, de estar abertos a colaborar sempre e a demandar máis actividades dende a Calixtina, e de servirlles de referencia para coñecer a novos poetas, estilos, linguas, temas...

4/11/14

BEGOÑA CAAMAÑO, IN MEMORIAM

Non queremos deixar de adicarlle a nosa lembranza e agarimo á escritora galega Begoña Caamaño, a quen tivemos a sorte de coñecer de perto e de compartir con ela, en febreiro de 2012, unha sesión do "Club de Lectura de Profes", na que lle dimos sentido á lectura de "Circe ou o pracer do azul".



Prendidos da elegancia e riqueza da súa escrita e da forza do seu contido, a súa presenza naquel xantar e na conversa connosco foi entrañable, sensible, fonda, amable e xenerosa.

O seus libros estarán expostos e destacados na nosa biblioteca este novembro, en relación as actividades que faremos sobre os "Bos Tratos" nas relacións, e como magnífico exemplo do que partir para repensar o amor, para unha necesaria educación emocional e sentimental.


   "Lectura profunda sobre o concepto do amor e das relacións amorosas, que se entenden en xeral como exclusivas, privativas, posesivas, como orde social, como estatus, egoístas, na busca de protección ás máis das veces; e sobre todo con ese equívoco, que tanto se dá en mulleres como en homes, de sacrificar a liberdade e supeditar a felicidade a un ideal de persoa na que centrar a vida e de quen se fai depender a felicidade, sen pararse a pensar que a felicidade de cada un depende só de un mesmo, ninguén alleo a nós pode resolvela, outra cousa é saberse acompañar ou sentirse ben acompañado polo paseo da vida. Por iso o máis significativo da historia para min é a mensaxe que encerra o título: ese acadar “o pracer do azul”, que é nin máis nin menos que disfrutar a vida por un mesmo, sen sentir  dependencia, ausencias ou angustia, sen esa postura vital errada de disfrutar do horizonte só a través dos ollos do namorado. Esa sensación da vida plena e propia, sobre todo nunha muller, é a máxima ambición, a liberdade real, nada fácil, xa que todos somos sensibles ante o querer, pero sempre que sexan amores que liberen, non que aten. Así entendo a liberación de Penélope.
    Circe é un ser libre, xeneroso, rebelde, que sabe vivir o seu namoramento, pero tamén deixalo ir, e compartilo sen posesión, mais ao seu namorado lle esixe paixón e liberdade. Arrisca sempre coa verdade, tan denostada hoxendía, pero espera unha esposa celosa nas cartas e se sorprende ata descubrir a infelicidade de Penélope. É curioso como o coñecemento dunha persoa varía dunha relación a outra: unha muller mostra un Ulises ególatra e fachendoso, nada tenro; e outra un amante e compañeiro magnífico. O caso é que así se mostra con unha e con outra; dúas caras diferentes da mesma persoa: frío  antes, apaixonado agora por mor do amor verdadeiro.
     A conexión  que podemos establecer dende estes prototipos e dende o xogo da recreación dos personaxes femininos, ata a sociedade actual, pasa por querer facer un exercicio de desposesión e de protagonismo das  dúas mulleres, para entender as súas actitudes fronte ao heroe principal, en función de quen están orixinariamente, para actualizar o mito e deixalo descarnado, humanamente descarnado, como o home actual, que en gran medida pareceu perder o seu papel, tentando adaptarse a un novo xogo de relacións onde aparecen ingredientes novos xunto a outros tan vellos como manter o matrimonio a base da infidelidade, para manter un estatus, un xogo hipócrita aceptado e enmascarado socialmente dentro do políticamente correcto. Non depende pois tanto de crenzas, de moral, de relixión, de idearios políticos, como da posición económica e social acadada. Por iso aínda se mantén o “amor “ao estilo burgués en gran medida", (P.F.B.)



















Deixamos o enlace á antiga entrada daquela reunión, onde constan os comentarios de varias compañeiras e compañeiros.

Con total respecto -e xa que se fixeron públicas- queremos compartir as palabras que falan da vida e da morte, que a propia autora escribiu como despedida á súa amiga Uxía Senlle: estremecidas e calmas, tristes e ledas, fondas e sinxelas, tan lenes como intensas, claras como a vida cando é sabia, comprometidas, tenras, sensibeis... Non podemos menos que amala dende lonxe...

http://www.sermosgaliza.gal/articulo/cultura/carta-despedida-begona-caamano/20141030072031031851.html

Acreditamos que tiña luz a súa persoa e que a ten a súa obra, 
que queda entre nós.

28/10/14

TAMÉN LEN CON MONTSE VAQUEIRO

Coa presenza de moito público, a Biblioteca Calixtina acolleu hoxe a 1ª sesión do Tamén Len da tempada. Dende primeira hora da mañá, Begoña, a nosa conserxe, que vale un mundo e saber facer de todo, preparou un fermoso centro de mesa con elementos propios desta época, onde non faltaban cabazas, mazorcas, setas, flores; ademais de ter sempre ideas magníficas para saír do paso e solucionar, por exemplo a falta dun papel de regalo que fora do noso gusto.




Para a ocasión tivemos o pracer de contar con Montse Vaqueiro, actual directora do CEIP Altamira de Salceda e compartir o libro da súa elección titulado "Volví para mostrarte que podía volar", de Robin Klein, Anaya 1998. Conta a historia dun adolescente solitario e a súa amizade cunha moza maior ca el, de 20 anos, coa que se relacionará de igual a igual, e o proceso de desintoxicación dela. Recoméndao porque é atractivo, revelador, porque demostra que con afán  e con esforzo podemos conseguir todo o que nos propoñamos.

Robin Klein (1936) é unha escritora australiana especializada en literatura infantil e xuvenil. A súa nai escribía contos para os seus numerosos fillos e prendeu nela o gusto por escribir dende nova. DEixou o cole aos 15 anos e foi enfermeira, bibliotecaria, libreira. Escribíu máis de 25 libros. Recibíu varios premios, como a Medalla dos Dereitos Humanos para a Literatura en 1989 por esta novela.

No coloquio, Montse contounos que de cativa tiña a idea de adicarse á medicina, despois quixo ser mestra, estudou Maxisterio, Filoloxía Hispánica, Dereito..., o que demostra que é unha persoa con fortes inquedanzas, que non parou de estudar e a quen lle gusta moito ler. Traballa na súa tese investigando sobre "Ciberlinguaxe nas Redes sociais". Todo isto e máis foi o que compartimos con ela neste recreo.






22/10/14

"AS CIENCIAS E AS LETRAS": NOVO CURSO E NOVO LEMA NA BE CALIXTINA.

Benvidas todas aquelas persoas que teñan a ben facer connosco unha viaxe máis -porque seguimos a movernos sen parar- e desta volta o que nos traemos entre cabeza, peito, mans e pés é unha aventura inxente, alucinante, sorprendente, coñecida ou descoñecida, enorme, para mergullarnos noutras dimensións e cambiar a nosa percepción sobre o espazo e o tempo. 

Foto: Paula Fdez. Bañuelos

Porque nunha biblioteca non só teñen cabida as letras, senón tamén os números, as fórmulas, os principios da física, as reaccións da química, a astronomía, a evolución das especies; e, como non, a evolución do noso pensamento para estar ao día e ampliar o noso coñecemento sobre o mundo que habitamos, tanto no perceptible como no imperceptible, atómico, protónico, leptónico, sideral, cuántico, a materia e a antimateria, as superposicións ou os entrelazamentos, os buratos negros,  a relatividade do tempo... En fin, que temos ante nós un vasto campo que percorrer, e que mellor que os recursos que ofrece a nosa biblioteca nas súas variadas formas, para achegármonos un ano maís e deixarnos levar polo atractivo irresistible das lecturas, audiovisuais, filmes, realidades e ficcións - si, porque tamén falaremos de ciencia-ficción- para celebrar a unión de "As Ciencias e As Letras" baixo o noso lema. Ademais de atender aos variados e magníficos recursos que nos proporcionan dende a Asesoría de Bibliotecas Escolares e, como non, dende o fructífero intercambio das experiencias compartidas no foro de BE de Galicia.
 A todxs elxs, grazas.

Foto: P. F. Bañuelos


Comezamos este trimestre con varias actividades programadas que queremos compartir:

-Para celebrar o "Día das Bibliotecas Escolares" (24 outubro) estamos a preparar un "Recital de Poesía e Ciencia" no que participarán membros do Club de Lectura, que no recreo do xoves día 30, recitarán para quen teña a ben acudir á Biblioteca Calixtina nesta cita sen igual. Non se realiza o propio día 24 por haber outra actividade xa programada.

-Pensamos en emprazar "A Santa Compaña" por Santos e Difuntos para acompañármonos nunha "Sesión de Lectura terrorífica na BE" , no recreo do xoves 13 de novembro. 

Para todo aquel que estea disposto a tremer dende os miolos ata os cabelos!

-No Club de Lectura "Siareiros da Palabra" xa fixemos a presentación ecomezamos a ler " A evolución de Calpurnia Tate", relacionada co método científico, a teoría da evolución, o naturalismo, a igualdade de homes e mulleres... Lectura suxestiva!

-Na hora de PRINT, en 1º ESO estamos a presentar a biblioteca ao novo alumnado, ideando slógans para publicitala, e atenderemos a alfabetización documental ao longo do curso traballando ao redor da temática "En pé de igualdade".

-E aínda queda o 25 de novembro por traballar en contra da violencia de xénero, que desta volta queremos facer en positivo resaltando exemplos e novas de "BO TRATO", ademais de ter en mente experimentar cun sinxelo principio físico para lanzar globos aerostáticos ese día para conmemorar e lembrar un posicionamento claro rexeitando todo tipo de violencia de xénero e en defensa dunha educación que insista na igualdade, etc.

-Deixaremos este trimestre colgados do noso blog os listados de libros e filmes relacionados coas ciencias, coa temática do terror, coa igualdade..., que temos no noso fondo bibliotecario.

Museo Americano de Historia Natural

17/9/14

HOMENAXE: LEMBRANDO FRIKI PRODUCTIONS CORPORATION


Como sexa que as múltiples tarefas ao longo do curso manteñen a nosa atención enleada noutros mesteres, acordamos que agora era o mellor momento para facer unha semblanza e lembranza dos compañeiros que acabaron 4º ESO en xuño de 2013, David Gómez e Jose Barros, unha vez que deixaron o instituto e unha especialísima impronta entre nós, nas aulas, no Club de Lectura "Siareiros da Palabra", no grupo de teatro “Mutis polo Foro”, na dinamización do espazo bibliotecario “ao seu xeito” con aportacións audiovisuais que deixan apreciar a súa evolución e mellora tentando dominar técnicas de gravación e montaxe de video, que beben das influencias literarias e cinematográficas que uns adolescentes como eles foron quen de adquirir á súa idade.


Imaxinación, inquedanza, motivación, seguridade en si mesmos, un particular xeito de adquirir coñecementos, un saber aprender a aprender autónomo en todo aquelo que esperta o seu interese.
Personalísimos, ao seu aire, caóticos, pero ao fin e ao cabo ocupando horas en “facer” os seus experimentos cinematográficos ou documentais, sen esquecer un ton crítico e de compromiso con diversos aspectos da realidade.

Para mostra, uns cantos videos da súa creación onde poder disfrutar do seu particular sentido do humor, do seu enfoque orixinal e do seu empeño por contribuír a difundir o mundo da lectura, do cinema, da B.E., e que teñen xa o seu lugar de honor no espazo bibliotecario que axudaron a anovar e enriquecer.

- Unha das curtas dos primeiros tempos foi a que lles inspirou o visionado do filme de Alfred Hitchcock, Psicose (enlace). Hai que dicir que ás novas xeracións os efectos especiais do mago do suspense e o seu sentido do terror déronlle risa naquela sesión do Club de Lectura onde coñeceron este filme.
- Destacamos un video musical "Quién te quiere" de presentación  duns namorados das computadoras, que nos serve de simpática introdución cada curso para iniciar a Alfabetización dixital. De fondo a canción de Carlos Baute “Como tú”. Dicir que empregaron unha noite enteira de desvelos en facer este traballo.


Quién te quiere (versión PC) from biblosvivos on Vimeo.

- Experimentaron facendo unha divertida versión emulando as cabeceiras dos grandes Estudos Cinematográficos de Hollywood, que deron en chamar FRIKI PRODUCTIONS CORPORATION. Isto, que parece nada, foi un traballo laborioso e levoulles unha chea de horas facelo para acadar un resultado tan convincente.
- Un bo principio de curso, apareceunos David Gómez cunha cuña publicitaria para atraer usuarios da B.E., coa que experimentou e perfeccionou novas técnicas. O resultado aquí está: pasen e vexan o misterio de Cali Potter e a Biblioteca filosofal, baseándose na existencia do noso querido morador perpetuo, a pantasma Cali, condenada a vagar eternamente entre os andeis da biblio, e inspirándose tamén, como non, nun dos personaxes favoritos de David e Jose: Harry Potter.


cali potter from biblosvivos on Vimeo.

- Non foi menor a aportación de Jose Barros, quen, moi lúdico, tivo a ocurrencia, a destreza e a arte de ser quen de crear ou recrear un videoxogo particular para a Biblioteca Calixtina, collendo como protagonista a pantasma Cali e animando e premiando a todo aquel que sexa capaz de conseguir liberala da súa eterna condena, a través deste xogo titulado O rescate de Cali. Xogo que se pode usar para adquirir as destrezas pertinentes, dende os ordenadores da B.E. e da aula de Informática, e que para o futuro consideraremos como un posible Concurso ou Torneo para explotar o que poden ter de positivo os videoxogos.
- O seu último traballo para nós foi unha curta coa que pretendían, unha vez máis, atraernos e invitarnos a un mundo tan especial como o das bibliotecas. Para iso, non se lles ocorreu mellor idea que inquietarnos con tremores, derrubamento de libros e dos muros que abrían "as súas carnes" para deixarnos paso e camiño a un espazo onde algo moi atractivo se move… A Biblioteca.
 
David, Javier e Jose presentando en xuño 2013 as súas obras

Unha biblioteca viva from biblosvivos on Vimeo.

Grazas pola súa compaña, aos que marcharon: Jose e David, e aos seus colaboradores: Javi e Isaac, que aínda estiveron con nós este curso,  porque aprendimos moito xuntos e desexamos que a súa viaxe por paraxes reais e imaxinadas sexa moi, moi afortunada.

Por certo, David quere ser director de cinema e Isaac quere ser actor, e falan en serio. claro que si.

                                                               O Equipo da Biblioteca Calixtina.
                                                               Salceda de Caselas, 2013-2014.











14/7/14

AS VIAXES AO REDOR DOS DIFERENTES DEPARTAMENTOS DIDÁCTICOS EN 200 DÍAS

Acabamos o curso, pero non queremos deixar atrás a ocasión de facer unha relación das diferentes actividades que se fixeron dende os diferentes departamentos ao redor da idea das viaxes, xa que, como sabemos, o lema que nos guiou estes meses foi "Viaxes Reais Viaxes Imaxinadas".

Praza do Palio en Siena, Italia, unha das máís fermosas, dou fe!!
Destacar a iniciativa que tivo Ana Rodríguez Sío, profesora que este curso se encargou de levar á práctica un interesante proxecto de informática co alumnado de 4º ESO. 

Na viaxe a Barcelona e PortAventura
Nada mellor que velo para valoralo neste enlace ao blog viaxesreaiseimaxinadas, que crearon para a ocasión, magnífico procedemento para aprender a darlle uso ás diferentes ferramentas, fontes, soportes ou formatos  dixitais. Mover se moveron, e viaxar viaxaron, tanto dun xeito imaxinario -quen de nós non soñou mil e unha veces en facer longas, exóticas ou perigosas viaxes?-, como dun xeito real -facendo crónica da viaxe a Barcelona que disfrutaron como excursión de fin da ESO con todos os compañeiros e compañeiras de 4º, da que lles quedou un magnífico e inesquecible recordo, ademais doutras viaxes que cada un deles tivo a sorte de experimentar e disfrutar e quixeron relatar. 
Ademais de estar a mellorar a competencia lingüística -que este ano foi un dos obxectivos de Centro- con todos os marabillosos relatos que deixaron escritos;  e de empezar o curso traballando tamén a alfabetización informacional dixital a través do "Caderno de Bitácora".

Xa ao principio do curso, dende a Biblioteca buscouse a colaboración do profe de Plástica, Nacho, para facer unha Rosa dos Ventos na entrada do instituto. Ademais, Nacho colaborou  redactando neste blog as entradas sobre os aventureiros de BD:Tintín e Alix

Dende os departamentos de linguas, promovéronse e traballaron lecturas relacionadas coa idea das viaxes, como por exemplo: Ámote Leo A de Rosa Aneiros, Noite de voraces sombras, Robinson Crusoe, A illa do tesourodiferentes novelas de Jules Verne, Bajarse al moro, Las bicicletas son para el verano, etc.

Dende as materias de CCSS, viaxamos no tempo cara ao pasado con lecturas como Agosto do 36 (que compartimos co Dpt. de Galego), o libro das Marabillas de Marco Polo, o Diario de Cristóbal Colón, etc. Ademais de colaborar co Ciclo de Cinema e Viaxes: Master & commamder, A quimera do ouro, El diablo sobre ruedas, A dilixencia...

Con 1º ESO, no Print, fixemos unha singular singradura aprendendo a navegar pola Rede, na busca de información fiable, a través das obras do pintor Urbano Lugrís, seguindo o rastro de diferentes naufraxios...

Dende o Club de Lectura recomendamos e comentamos Robinson Crusoe, que comparamos con Venres ou a vida salvaxe, e limos tamén A expedición do Pacífico. Ademais de ver o filme de Chaplin e o western Centauros do deserto.

E máis traxectorias interesantes que seguramente deixo no tinteiro ...

27/6/14

EXPOSICIÓN DE GRANDES AVENTUREIROS RECOMENDADOS PARA O VERÁN


Pois si, como reza o cartel, invitamos a que os leades en verán e vos deixedes acompañar por estes grandes aventureiros que estivemos promocionando nos último meses deste trimestre. 

Expostos están aínda, en espera de que elixades os que vos resulten máis atractivos! 
É un magnífico e refrescante xeito de comezar as vacacións! 
Eu teño que confesar que estou enganchada a Blueberry!





BO TEMPO DE ESTÍO!!!!

24/6/14

CONCESIÓN DOS PREMIOS DE POESÍA: "O BOSQUE DAS LINGUAS DO AMOR"


Formado por 4 alumnas/os de 2º e de 4º ESO e por 2 profesoras en representación dos departamentos de linguas e da bibliotecaria, reuníuse o xurado para valorar e decidir cal dos escritos presentados ao concurso "O BOSQUE DAS LINGUAS DO AMOR" resultaba por fin destacado. Non foi fácil a selección dado que, cada unha das poesías ou dos textos de prosa poética realizados polo alumnado, tiñan o seu valor tanto no fondo como na forma. O noso obxectivo de promocionar a escrita, ademais da lectura, quedou ben cumprido.


A gañadora foi Mar Rodríguez Troncoso, alumna de 4º B e autora dun soneto apaixonado que sorprendeu ao xurado pola súa coidada forma, quen acadou o 1º PREMIO, e polo tanto, unha CEA ROMÁNTICA para dúas persoas.

Pero tamén decidimos outorgar dúas mencións especiais aos escritos de:

Christopher Nogueiras Busto, alumno de 4º C, polo seu fermoso poema en lingua italiana (que aprendeu do seu pai, quen traballou en Venecia un tempo), e que elixiu como agasallo o libro "El Quijote", que quere ler en verán. 

- E ao poema da alumna de 1º B, Nazaret González Coto, que nos sorprendeu pola súa calidade e profundidade. Para ela eliximos un libro ilustrado "Emocionario", pois durante o curso leu entusiasmada os libros ilustrados que temos na biblioteca, e pensamos que sería un acerto.


Os escritos presentados están colgados no novo Espazo de Creación, na sección "Poetas de agora". Buscade na columna dereita deste blog. Xa vos falaremos deste Espazo en setembro...

21/6/14

GRANDES AVENTUREIROS DE ONTE E DE HOXE: CORTO MALTÉS.




Mariñeiro, aventureiro, romántico, cínico, amoral, valente, curioso, egoísta e independente, pero, en definitiva, heroe moi humano, con defectos incluídos. Trascende a obra, ten vida propia máis alá do autor, porque pasou a formar parte das nosas vidas e a formalas, xa que acompañándoo nas súas viaxes aprendimos moito de xeografía, historia, dos costumes doutras culturas, de atreverse a correr certos riscos, de aventurarse e de saber ser libres e, sobre todo, de respectar as diferentes culturas.

                                       O filme completo A balada do mar salgado.

Nace a primeira historia de Corto Maltés en 1967: A BALADA DO MAR SALGADO, e o crea HUGO PRATT como un personaxe secundario, máis duro e áspero en principio, aínda que chamado a trascender e tomar protagonismo e a converterse nunha icona do s.XX. 
1967 é un ano no que o mundo da Banda Deseñada acada novidades revolucionarias con este personaxe vital, trascendente, reflexivo e que nos fai reflexionar a través dunha historieta extensa que abre o camiño á novela gráfica, porque o seu autor, Hugo Pratt (1927-1995), demostrou que era ben dificil facer unha boa historia a través da BD, aínda que tamén foi quen de escribir algunha novela. Este debuxante e escritor tivo unha ampla e fonda cultura, ademais dunha vida de verdadeiro aventureiro, vivindo en diferentes países, con experiencia nas guerras que lle tocou vivir, ou como un completo e verdadeiro artista.
Corto Maltés nace en 1887 en A Valetta, Malta; e faino morrer, mellor dito desaparecer, no contexto da Guerra civil española -a última guerra romántica- na súa última aventura.

Queremos animarvos a que vos acheguedes a este personaxe con quen tanto podedes viaxar e coñecer.