20/1/15

BO TRATO: CONTRA TODO TIPO DE VIOLENCIA // EN DEFENSA DA CONVIVENCIA PACÍFICA ENTRE IGUAIS

No trimestre anterior comezamos a andaina para promocionar o BO TRATO, primeiro contra a violencia machista, agora en defensa dunha convivencia pacífica que respecte a diversidade e a igualdade, e seguiremos esta liña vermella en febreiro para reflexionar sobre o sentimento e a experiencia do BO AMOR.



-EN DECEMBRO, no corredor creamos un espazo de BO TRATO, onde desgranar os conceptos esenciais relacionados sobre os que traballar: igualdade, respecto, dignidade, 
liberdade, compromiso, benquerencia, amizade, compañeirismo, cooperación, feminismos, asertividade, empatía, equilibrio, comprensión...

e a un lado deixamos o espazo que iremos armando coas fotografías feitas de cada grupo de alumnos e alumnas, por curso, ademais de unir a elas as do Club de Lectura e a das persoas adultas que traballamos neste Centro de Ensino: conserxe, administrativo, profes, encargada da cafetaría..., para poñer en evidencia o noso rexeitamento ante o maltrato, pero dende unha postura positiva como é a promoción do bo trato. Así cada grupo reflexionou sobre este asunto e chegou a unha idea, un eslogan ou  unha imaxe nas que basear a súa posta en escena comprometéndose todas e cada unha das persoas que aquí convivimos. Será agora en Xaneiro cando deamos colocado cada unha das fotografías ampliadas para completar o noso muro do BO TRATO. Por suposto que tamén creamos, a carón, un punto atractivo e cómodo para poder ollar os diferentes libros e filmes que recomendamos relacionados con esta temática.

-EN XANEIRO, e dado que estamos sendo asaltados por feitos violentos cada dous por tres, non queremos deixar pasar a ocasión de sensibilizarnos, implicarnos e facer unha reflexión a través dun CONCURSO DE VIÑETAS: UNHA OLLADA Á PAZ.


CONCURSO DE VIÑETAS
PARA UN XANEIRO DE PAZ


A biblioteca calixtina convoca:

Viñetas: unha ollada á paz


relacionadas:

 coa defensa da paz, do respecto, da liberdade de expresión, da convivencia na diversidade, da capacidade de ser críticos e de ter as mentes abertas, de defensa e valoración do humor gráfico

bases:

quen así o desexe pode presentar unha viñeta de creación propia, orixinal, con liberdade de estilo, nun formato sobre papel (ou calquera outro material) de tamaño a4, Baixo pseudónimo escrito por detrás do traballo e os datos persoais (nome completo e curso) en sobre pechado só co pseudónimo (nome falso) por fóra.

prazo:

entregaránse(traballo e sobre) nos recreos na biblioteca ao longo deste mes de xaneiro e ata o día 29, para poder ser expostos

o día 30 de xaneiro, día internacional da paz

1º premio: -agasallo dun libro ilustrado ou de bd.

Animádevos a participar!!!!



-EN FEBREIRO, seguiremos esta liña de actuación para educar no BO AMOR, e facer unha necesaria análise do sentimento amoroso e os seus usos e abusos, malentendidos, sufrimentos, dependencias, etc.; coa finalidade de aprender a vivir os nosos sentimentos e paixóns dun xeito -a poder ser- equilibrado. Faremos un mural da "FÍSICA E QUÍMICA DO AMOR" e convocaremos para a ocasión un CONCURSO DE FÓRMULAS DE BO AMOR, para exercitar a expresión escrita.

No hay comentarios: