O meu amigo Cali, pantasma do IES Pedras Rubias, venme de convidar a unhas Sesións Terroríficas de Lecturas que sei que están a organizar os MQs. A cita é nos recreos do mes de novembro no soto do instituto e seica van contar relatos de terror e misterio en pequenos grupos. Imprescindible invitación. Eu xa teño a miña, e vós?
Conseguirán meterme medo a mín ou, pola contra, serei eu quen os asuste, HAHAHAHAHAHAHAH (léase riso sinistro).
Non creo que me equivoque se afirmo que moitos adolescentes se teñen enganchado á lectura a través dos seus libros. No noso centro, "Campo de fresas" ou "La memoria de los seres perdidos" están entre os máis demandados polo alumnado.
Autor prolífico, Jordi Sierra i Fabra, gusta de tocar temas de actualidade nos seus relatos xuvenís e forma co noso benquerido Agustín Fernández Paz un binomio que copa os premios dos certames literarios a nivel mundial, non hai máis que botar unha ollada a esta liña de tempo!!!
Mañá estréase nos cinemas de toda España a película de Steven Spielberg "Las aventuras de Tintín: El secreto del Unicornio". A expectación é enorme como en todo estreno dun film de Spielberg ("Tiburón", "E.T.", "Encuentros en la tercera fase","La lista de Schindler"...) pero co engadido de que os anteriores intentos de levar á gran pantalla a Tintín foron bastante mediocres.
As historietas protagonizadas por este famoso reporteiro de aspecto infantil e espíritu xusticieiro, viron a luz en Bélxica da man de George Remi "Hergé" e foron publicándose ao longo de máis de corenta anos, desde 1930 ano de publicación do primeiro álbum ata 1976 cando viu a luz o derradeiro. Aínda que algunhas das súas aventuras foron tachadas de racistas, o certo é que o seu éxito foi case inmediato; os cómics foron traducidos a multitude de linguas e a día de hoxe e con permiso de Ásterix (eu quédome con este último), é o cómic máis vendido.
Premendo no título da peli tedes acceso á páxina oficial en castelán. Se queredes máis información vos deixo o enlace cun especial editado polo xornal El Mundo, o enlace coa páxina da butaca.net (podedes atopar entrevistas, a ficha técnica, como se fixo, ...)e o trailer para ir quentando motores. Tedes pensado ir vela neste ponte? Animádevos e deixádenos a vosa opinión!
Que vos parecería atravesar unha porta e atopar como regalo o nacemento do universo cun big bang de estrea para vós ou ter entradas para un partido entre a materia e a antimateria e non digamos podervos teleportar, seren perseguidos por buratos negros,bailar na pista dunha discoteca rexida polo principio de incertidume ou viaxar case á velocidade da luz nun acelerador de partículas?
Todo isto e máis sucédelle á Nico, o protagonista deste alucinante libro que descubrín por casualidade hai tan só unhas semanas. O primeiro que sentín ao escoitar falar do libro foi sorpresa, o segundo curiosidade e o terceiro, vouno confesar, certo escepticismo. Sería quen, a autora, Sonia Fernández-Vidal (cun curriculum impresionante e que ten traballado nos principais centros de investigación de partículas, incluído o acelerador de partículas do CERN) de enganchar cunha historia para adolescentes a base de Física Cuántica? Agora que o rematei penso que consegue algo máis importante, despertar a curiosidade, as ganas de saber máis dese mundo que, aínda que a outra escala, é tamén o noso: o mundo cuántico.
Na nosa comunidade autónoma, o lema elixido para celebrar esta data é "Biblioteca escolar, última xeración" e o cartaz deste ano foi elaborado por Emma Ríos.
Ás veces resulta interesante botar contas. Se nunha das entradas anteriores comentabamos que este ano se anotaran 70 alumnos/as ao noso Club de Lectura "Siareiros da Palabra", o mércores, na primeira reunión dos MQs, había 40 voluntarios/as. Das 110 persoas, 17 son ao mesmo tempo "siareiros" e MQs o que fai un total de 93 alumnos/as involucrados directamente na dinamización da biblioteca e o fomento da lectura.
Se ademais temos en conta que neste curso hai 267 alumnos/as matriculados...temos unha porcentaxe do 34,8% do alumnado!!! Folga dicir que estamos ENCANTADAS!
E duns números a outros.
Onte, vía Trafegando Ronseis, descubrín un libro ilustrado máis que apetecible: "Fibonacci, el soñador de números" de Joseph D'Agnese e ilustrado por John O'Brien. O libro, da editorial Juventud, narra a biografía deste matemático italiano do s.XII-XIII, famoso por introducir en occidente os número árabes e popularizar coa súa obra "Liber Abaci" a aplicación dos novos números aos cambios de unidades, á contabilidade, aos criterios de divisibilidade,...
Pero se por algo é coñecido Fibonacci e pola súa sucesión de números: A serie de Fibonacci á que se relaciona con criterios estéticos na natureza, como a forma das caracolas, o reparto dos pétalos dunha flor, a disposición das follas nun talo,...
Tódolos anos inauguramos a nosa sección do Tamén len convidando a un/ha profe do Colexio Altamira. Nesta ocasión foi a quenda de Saltina, que nos visitaba hoxe para compartir cos seus ex-alumn@s e con todos nós, lembranzas, anécdotas e unha morea de boas lecturas compartidas. Moitísimas grazas!
E despois de compartir con vós as nosas descubertas viaxeiras pasamos a facer un rápido repaso do comezo das actividades da biblioteca e das novidades literarias.
Novidades da nosa biblioteca:
Como moitos de vós ben sabedes, comezamos o curso cunha reordenación exhaustiva dos fondos da nosa Calixtina porque a coitada daba peniña e queríamos tela ordenada e ben feitiña para dar comezo á Formación de Usuarios que recibiredes tódolos cursos nas vindeiras semanas.
O próximo luns 17 durante o recreo terá lugar a primeira sesión do Tamén len deste curso. Nesta ocasión a convidada é Saltina, mestra do Colexio Altamira.
E tamén o vindeiro luns 17 pero en horario de sobremesa, inauguramos o Club de Lectura. Paula e Xoán aínda non saben como van facer xa que este curso anotáchesvos MÁIS DE 70!!!!! (Terá algo que ver a excursión pola Ribeira Sacra e o vó en helicóptero?).
E os MQs non ían quedar atrás! Temos a primeira reunión o mércores 19 no recreo... y traemos TERRORÍFICAS ideas...
As listas de lecturas recomendadas van en aumento e pronto vos comentaremos as recomendacións feitas polos Departamentos de Ciencias e Música.
Novidades literarias e cinematográficas:
O poeta sueco Tomas Tranströmer vén de recibir o Premio Nobel de Literatura.
Agustín Fernández Paz resultou o gañador este ano do Premio de Literatura Infantil e Xuvenil de SM que se fallou na FIL (Feira Internacional do Libro) de Guadalajara (México). O Premio seralle entregado o 29 de novembro.
E, por suposto, libros e máis libros e películas, entre eles o último de Laura Gallego"Donde los árboles cantan" que saíu hoxe á venda, os audiolibros que vén de editar a editorial Rinoceronte, a estrea o mes que ven de "Amanecer" ou o último en xogo de rol e novela de ciencia ficción galega, dos que vos iremos informando nas vindeiras entradas.
A orixe desta marabillosa biblioteca, unha das máis fermosas do mundo, remóntase ao ano 1592 no que a raíña Isabel I autorizou a fundación do Trinity College. O edificio más antigo que se conserva, a Antiga Biblioteca, construiuse entre os anos 1712 e 1732. Na actualidade a Biblioteca componse de oito edificios onde descansan case tres millóns de volumes (desde 1801, calquera obra publicada en Gran bretaña e Irlanda debe enviar un exemplar a esta biblioteca).
Pero entre todos os seus tesouros destaca o Libro de Kells, do século IX, que contén un texto en latín dos catro evanxelios esplendidamente ornamentado. Crese que o libro de Kells foi creado e producido (total ou parcialmente) en Iona ou en Kells, de aí o seu nome. Isto faime pensar no noso desaparecido e benquerido Códice Calixtino, por onde andará?
Pero, por suposto, non fun a única viaxeira da biblio. Paula andou tamén visitando bibliotecas polo mundo adiante. Deixo mellor que volo conte ela:
" No verán estamos de vacacións. Cando podemos, ás veces viaxamos e nestas viaxes hai tantos lugares diversos que podemos visitar que hai que elixir por forza.
Dublín é unha cidade que non ten a monumentalidade doutras grandes capitais, pero ten unha vida nas súas rúas que nos atrapa totalmente. Un dos lugares máis interesantes e máis visitados, sen dúbida, é a Biblioteca Universitaria do Trinity College, da que falaremos na próxima entrada. Mais, por casualidade, tamén atopamos a Biblioteca Nacional, que nos pareceu un espazo de gran atractivo".
No meu breve viaxe por Europa, antes de Amberes estiven uns días en Amsterdam (vola recomendo a tod@s!) e, por suposto, tocou visita á Openbare Bibliotheek de Amsterdam (OBA) e ao seu estupendo restaurante con terraza panorámica.
Queredes ir visitala? Pois só tedes que acompañarme neste trepidante vídeo.
Os/as bibliófilos/as non descansamos nunca, nin sequera cando marchamos de vacacións perdemos os hábitos, como ides comprobar nas vindeiras entradas...
Este museo ten a súa orixe na vida e obra dun dos maiores impresores-editores de tódolos tempos: Christophe Plantin (Tours,1520-Amberes, 1589), que foi quen desenvolveu, xunto co inventor da imprenta Johannes Gutenberg, aspectos claves na historia da edición e que é considerado como o primeiro impresor industrial.
No ano 1576, Plantin que era daquela o Primeiro Tipógrafo Real de Felipe II, decide trasladar o "Compás Dourado” (a súa casa-imprenta) á praza Vrijdagmarkt de Amberes. Á súa morte, tanto a casa como a Officina Plantiniana pasan a mans do seu xenro Jan I Moretus e de aí, xeración en xeración, durante tres séculos os Moretus conservan, amplían e enriquecen tanto a mansión como o negocio.
En 1876, Edward Moretus decide converter o Compás Dourado en museo polo que inicia as negociacións co Concello de Amberes. O Museo abre as portas o 19 de agosto de 1877.
O valor de este marabilloso conxunto cultural é incalculable pois abrangue varios tesouros únicos:
A Officina perfectamente conservada coa imprenta onde atopamos as prensas máis antigas do mundo, a sala de tipos con coleccións tipográficas orixinais como a Garamond ou os tipos hebreos máis antigos, a sala de correctores, a librería que conserva aínda o listado de libros prohibidos ou Librorum Prohibitorum Index de 1569, a sala de ilustracións e estampas, a sala dos manuscritos, sala de edicións extranxeiras, sala da xeografía, a tras-tenda, o despacho do maestro Plantiniano e a fundición con series únicas e completas de ferramentas empregadas na fabricación dos tipos.
Os arquivos, única colección no mundo que se refire a imprenta que contén series ininterrompidas de rexistros contables que van da segunda metade do s.XVI ata 1865, e permiten coñecer a historia da imprenta e do pensamento occidental da época, polo que foron incluídos no “Rexistro da Memoria do Mundo" da Unesco o 4 de setembro de 2001.
Unha colección de 25.000 volumes anteriores a 1800, 638 manuscritos realizados entre os séculos IX e XVII, 154 incunables con exemplares tan valiosos como unha Biblia Gutenberg de 36 liñas e o 90% da producción Plantiniana.
O edificio renacentista do s.XV e as ampliacións con casas anexas dos séculos XVII e XVIII. No patio consérvase unha vide de Canadá do s.XVI.
Varias coleccións de arte que destacan pola súa variedade e riqueza: coiros dourados españois ou guadamecíes, gobelíns, mobles e cadros (19 deles de Peter Paul Rubens).
A colección do seu Gabinete de Estampas, relacionada coa ilustración dos libros, atesoura 791 bocetos, 2.846 planchas de cobre e 13.791 bloques de madeira tallada.
Estou por propoñer Amberes como destino para a excursión dos MQs e o club de lectura deste curso! Mentres, podedes visitalo premendo no vínculo do seu nome ou botándolle unha ollada ás fotos que conseguimos tomar.
Comezamos o curso entre crises, aumento de horarios, folgas e negras perspectivas para a educación pública pero con enerxía e ilusión, canto mais despois da alegría que nos supuxo recibir a finais do mes de xullo a distinción do Premio Sunshine Award concedido polo blog Hora de Ler. Toda unha honra.
Pedir desculpas pola tardanza en corresponder con este fermoso agasallo pero decidimos agardar a estar en activo e poder elaborar, entre todas as profes que formamos o equipo, a escolma dos blogs aos que queriamos premiar á nosa vez. E aí vai o noso listado; doce blogs que loitan día a día polo fomento da lectura e cren no seu poder para transformar o mundo nun lugar mellor.
Folga dicir que o listado, como todos, é incompleto e imperfecto, pero tiñamos que elixir só doce... Esperamos que aínda que o verán xa vai fóra vos faga tanta ilusión como nola fixo a nós.
Adiantarvos que vimos cheas de ideas. A biblioteca renovada e reorganizada (niso andamos), a formación de usuarios a piques de comezar, o blog no que pretendemos incorporar novas seccións, e o prazo aberto para anotarse nos MQs ou no club de lectura, só faltaba dar o sinal de saída: preparad@s, list@s, xa!
Os pasados días 22 e 23 de xuño os/as compoñentes do club de lectura, os MQs e o equipo de biblioteca ao completo (incluído o noso predecesor e benquerido compañeiro José Luís) marchamos de excursión para facer unha ruta literaria por terras do noso poeta homenaxeado nas Letras Galegas deste ano, Lois Pereiro.
O obxectivo era gozar da paisaxe ao tempo que recitabamos poesía e compartíamos tempo de camiñata e lecer entre risos e palabras.
Saímos de Salceda despois de rematar as clases e comer apresuradamente uns bocatas. A primeira parada foi Monforte, onde só nos deu tempo a visitar o Castelo dos Condes de Lemos. Partimos logo para o Incio, máis concretamente cara a igrexa de Santa Cristina do Viso, onde está enterrado Lois Pereiro. Alí lle rendemos a nosa modesta homenaxe recitando os seus versos. E rápido rápido cara o camping "Canón do Sil" en Parada do Sil antes que se fixera noite e tiveramos que montar as tendas ás apalpadas, perdón... uhmm... si que houbo unha parada moi breve en Castro Caldelas, por aquilo de mercar bicas (boíiiisiiimas).
Chegamos ao camping e montamos as tendas, aínda que o noso traballo nos custou! E despois dunha estupenda cea marchamos durmir (os que durmimos, claro!).
Á mañanciña, ben mantidos, fixemos unha pequena ruta ata o Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil onde recitamos esperando a chegada da guía que tiñamos contratada.
E, tachán tachán, chegou o momento estrela da excursión... Para a nosa sorpresa o dono do camping é piloto de helicóptero e nos agasallou cunha viaxe: 5 prazas no helicóptero para ver a vista de paxaro a magnífica paisaxe do canón. Os profes renunciamos a entrar no sorteo (sniffff) e os/as afortunados/as partiron entre as caras de ciumes dos demáis. Consolámonos lendo...
E, precisamente, a entrada de hoxe consiste niso: CRITICAR. Agora que xa rematamo-lo curso, é un bó momento de criticar a máis non poder. Pero, tranquil@s... Que non cunda o pánico! Hoxe non imos centrar a nosa crítica en vós, non. Imos elaborar unha crítica do filme de terror "Insidious".
O argumento é o seguinte: Josh, a súa muller Reani e os seus tres fillos múdanse a unha nova casa. Cando o seu fillo pequeno, Dalton, sofre un accidente e cae nun coma, comezan a suceder extranos fenómenos na súa nova casa e a familia decide pedir axuda a unha médium.
O director desta película é James Wan. Seguro que o nome nos vos soa de nada... Pero, e se vos digo que é o productor e director da película "Saw"? Agora seguro que sí, non? Pois ben, Wan quería facer unha película de terror ao estilo dos anos 80 (é unha película moi parecida a Poltergeist) na que non saise nin unha pizca de sangue. É así foi! Nada de sangue. Iso si, os bonecos diabólicos asidos da "Guerra das Galaxias" que non falten :)
A película comeza moi ben: Uns títulos de crédito moi logrados, una música que engancha... En fin, bastante ben. Nos primeiros minutos non sucede nada. A partires do minuto 20, cando Dalton cae nun coma, comezan a suceder cousas estranas. Estranas e moi prededibles: os típicos pasos que veñen da porta, os ruidiños e golpes na cama do hermano menor, ou sexa o típico. Aquí a peli xa vai perdendo algo de forza. O seu problema principal e que non innova, estáncase nos efectos dos anos 80, non evoluciona. A medida que " a película más terrorífica dos últimos anos" (según o trailer) avanza, os estranos ruidos mistúranse con presenzas que veñen do outro mundo (do outro mundo ou da película que botaron na galega fai uns días). Estas "terroríficas" presenzas (drácula, o diaño... moi innovador, si señor!) causan máis gracia que medo. Por citar algo: cando o diaño estase a pintar as unllas no inferno... Por favor! Máis "ridículo" imposible. Esta é a primeira parte do filme: como vedes, o típico das películas de medo. O atípico ben na segunda parte. Se a primeira parte resulta algo inquedante (polas subidas de volume, a dichosa musiquiña....) a segunda parte é demasiado cómica.
Como vos dicía ó comezo, debido a tódo-los fenómenos extranos que suceden na casa, Josh e a súa muller (ela si que fai un papelón na película) deciden porse en contacto cunha médium. A médium ven acompañada de dous parapsicólogos. Más "lerdos" e non nacen: que se non saben como funciona a cámara de fotos, que se quen é mellor parapsicólogo.... Pois esa é a segunda parte: un paréntese que non conduce a nada (bueno, conduce a quedarse durmido na butaca do cine) e que non ten absolutamente nada que ver có principio. Na miña opinión, non poder que o espectador adocte tres posturas diferentes durante a película: ou é de medo ou cómica, pero por favor, non mistures ambas cousas ou só sonseguirás confundir o espectador.
Como vedes pouco a pouco a película vai aborrecende, resultando máis predecible e caendo nas redes de moitos intentos de "películas de terror" (Paranormal Activity, por exemplo).
Retomando a miña crítica: ao final, a médium coa "axuda" dos dous "parapsicólogos" ( a axuda das comiñas é inevitable) descarta que a casa estexa embruxada e dí que é Dalton, o seu fillo, que está embruxado. Aquí a película da un xiro de 360º.
A terceira parte (que non a vou contar, posto que é o final) é, no meu punto de vista, a mellor con diferenza. O final é moi confuso e eu tiven que volver a ver a película na rede, para aclarar como acaba.
Resumindo: unha película que comeza ben pero vaise desinflando pouco a pouco, a pesares do seu inesperado final. Queredes saber por que o califico como inesperado? Ide a ver "Insidious" xa que, polo menos, pasaredes o tempo, aínda que a película é como as 10000 películas de medo que se fixeron neste mundo.
E xa para remata-la miña crítica, podedes botar un vistazo o tráiler (que, por certo, agocha unha sorpresiña) ... Pasade un bó verán!