"Blueberry nace como un novo tipo de heroe. Este novo zorro non xurdiu fóra da noite para correr cara a aventura ao galope. Non, Mike S. Blueberry apareceu por primeira vez, de fronte, na sétima viñeta de FORT NAVAJO: nun garito fronte á mesa de xogo, cartas en man e un cigarro pendurado. Por certo, aínda non levaba barba de tres días, para que poidamos admirar o seu aspecto de BELMONDO insolente. Porén, dende o principio, está presente o espírito do personaxe e da serie. En só dúas páxinas saberemos que fai trampas no xogo, que bebe alcol e que xamais deixa pasar unha boa pelexa, ademais de disparar rápido e con puntería. Xa pode comezar a longa busca en solitario a través dun Oeste salvaxe e turbado. Unha saga con falsas premisas clásicas que, inevitablemente, revolucionou o universo familiar da B.D.".
Blueberry naceu o 31 de outubro de 1963, en PILOTE, do fecundo cerebro de Jean-Michel Charlier e a lúcida pluma de Jean Giraud (máis tarde chamado Moebius). O primeiro foi un apaixonado de América e da historia do Oeste. O segundo, un xoven e prometedor debuxante, por non dicir superdotado, namorado das historias do Oeste e formado na fantástica escola do gran Jijé. Parece ser que estaban predestinados a entenderse e a complementarse.
Jean Giraud elixiu o nome, Blueberry, e un físico inspirado no actor francés Jean-Paul Belmondo, (actor que se convertiría nunha icona popular a través do cinema da Nouvelle Vague, cun físico atípico e un algo de cínico). Introduciu unha referencia a outra cultura, máis vangardista, no universo do cómic da época, destinado sobre todo a un público adolescente. Creía que un cómic perfecto esixía algo de modestia nos medios, unha sutil cuestión de harmonía e equilibrio, un fantástico equilibrio tanto no fondo como na forma, entre a tradición e a modernidade. O tratamento da paisaxe é magnífico, así como o do movemento dos cabalos, que imprimen unha vitalidade e un ritmo dunha clara alusión ao cinema americano, ao western, que crea e recrea con mestría.
Charlier ten excepcionais dotes de narrador, e mestura a precisión de documentalista coa súa arte de inventar. Giraud é un debuxante que leva aínda máis lonxe as súas historias, cun expresivo estilo cinematográfico, brillantemente desenfreado e realista. Crean así un novo tipo de heroe nos anos sesenta, iconoclasta e rebelde, refractario á autoridade e contestatario á xerarquía. Nos dez primeiros episodios da serie, Blueberry está as súas anchas na pel dun militar, aínda que non deixa de ser un representante da desorde. A pesares das súas incongruencias e defectos, resultaba simpático.
É militar insubordinado, gamberro de pura cepa, non se leva ben coas persoas "decentes", é gran coñecedor dos indios e sabe respectalos, os seus poucos amigos son personaxes vagos e de dubidosa moral...
Ten un pasado, vai avellentando, segue un percorrido vital que modela a psicoloxía do personaxe, que nacería en 1843 e morrería en 1933.
(Textos de Hugo Cassavetti, en Blueberry: Los montes de la superstición. 2003)
Deixamos o enlace a unha crítica bastante crítica cun filme pouco afortunado na súa adaptación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario