8/6/14

TAMÉN LEN: WESTERN CO PROFE XABIER ROMERO


Para o derradeiro Tamén Len deste curso, que convocamos o luns 2 de xuño, pensamos que sería interesante invitar ao antigo profesor de Historia, Xabier, para que nos falara dunha paixón compartida: as pelis do Oeste americano, e deste xeito compartilas cos mozos e mozas de hoxe para que poideran achegarse a este xénero e disfrutalo. E como o tema deu para moito, seguimos despois da comida, na sesión do Club de Lectura. 

Como podedes apreciar o ambiente de "Biblio-Cantina" foi conseguido coa inigualable colaboración de Begoña, quen distribuíu o atrezo que uns e outros nos encargamos de aportar: dende a alfombra da directora ata a montura do cabalo de Javier Ferreño... 



Grazas á colaboración de Merce, a profe de Música, e dos músicos, xa habituais nas nosas actividades, o son das notas de Ennio Morricone serviu para introducirnos e transportarnos a ese mundo, neste caso do "Spaghetti Western".


"O WESTERN: DOCUMENTO DUNHA ÉPOCA OU LENDA?" foi o título que Xabier buscou para organizar uns excepcionais fragmentos audiovisuais e un discurso que serviu de fío para achegármonos a un xénero cinematográfico que a día de hoxe non goza do esplendor que tivo no pasado, pero que nós quixemos visitar e analizar. Ademais de relacionalo cunha historia que limos de pequenos nos folletíns de Marcial Lafuente Estefanía (os chicos s.t.) ou en cómics como Blueberry, Lucky Lucke, etc, e que formaron parte do noso imaxinario colectivo.

Na España de mediados dos anos 60, cando comeza a chegar a Televisión ás casas, os sábados pola tarde podiamos ver, máis que nada, pelis do Oeste, que de críos nos entusiasmaban, cunha estética da violencia que enganchaba sobre todo aos rapaces. A presenza da muller nestes filmes limitábase aos arquetipos da muller da casa e da muller do burdel. 
A época dourada do western foron as décadas de 1930-50. Comezamos con imaxes dos inicios da conquista do Oeste americano, e coa chegada do ferrocarril e da compañía eléctrica, que acaban co mito deses pioneiros. Sen deixar de facer unha reflexión sobre a idea da lei ou da xustiza: (linchamentos, axustes de contas...) Nas primeiras pelis a paisaxe tivo unha presenza magnífica, porque nos anos 30-40 era máis barato e sinxelo rodar en exteriores que en estudio, e os directores eran máis libres ao principio.


Na década dos 50 aparecen filmes pro-indios, que hai que entender no contexto da loita de liberación dos negros na sociedade norteamericana. 
"Raíces profundas" sería un bo exemplo de "western psicolóxico", co protagonista atormentado por un pasado de pistoleiro que quere deixar atrás. Ou "Só ante o perigo", que reflectiría o estado de ánimo do seu director ante a "Caza de Bruxas de Hollywood".
Que xurdira o que poderiamos chamar "western ecolóxico" ten a súa razón de ser se pensamos no exterminio de búfalos (entre 1950-80 pasouse de 100.000 cabezas a 3000) e de indios que foi paralelo, xa que eran esenciais para soster o seu modo de vida.
Nos anos 60 parecía que a fórmula estaba esgotada, pero aparece un "western crepuscular", que aborda a fin do mito do western e a chegada dos novos tempos "civilizados"... (O home que matou a Liberty Valance, de J. Ford). 
Non esquecemos títulos tan signficativos, como "Johnny Guitar" (1954), de Nicholas Ray; sen deixar de nomear "Os sete magníficos", que ten a curiosidade de estar baseado nos "7 samurais" de Akira Kurosawa; ou a magnífica "Grupo salvaxe", de Sam Peckinpah. 
En Italia e en Almería, nos 60-70, Sergio Leone rodará o que se deu en chamar eurowestern ou  "spaghetti western": serán filmes de violencia descarnada, baseada nos silencios, nas miradas,  no protagonismo da música de E. Morricone, onde destaca o actor Clint Eastwood.


Concluímos que o western foi un extraordinario documento dunha época, pero tamén mito, lenda, idealización romántica. Non hai máis que recordar a algúns dos seus fascinantes tipos duros: Jesse James, Wyatt Earp. Ou como se ensalzou a personaxes reais que foron detestables, como o caso do Xeneral Custer, mitificado polo western e a historia oficial.

No hay comentarios: