10/5/14

EL CAMINO DE LOS SENTIDOS

"La seguridad es más que nada una superstición. La vida es una aventura atrevida o no es nada".
"Las cosas más bellas y mejores en el mundo, no pueden verse ni tocarse pero se sienten en el corazón". (Helen Keller 1880-1968. Escritora estadounidense).

O encargado de presentar esta actividade foi Fernando, o noso Xefe de Estudos, quen recordou as palabras de Helen Keller, sorda e cega, para introducirnos na emotiva experiencia que este venres compartimos con Gerardo e Javier Pitillas.



Javier, ademais de ser un bo amigo seu, ten o cometido de acompañar a Gerardo, sordocego, para servirlle de guía e intérprete a través da linguaxe de signos que fai sobre as súas mans e sobre o seu corpo. Unha linguaxe que consiste en escribir as maiúsculas na palma da man, pero que foi avanzando ata usar a linguaxe de signos por palabras. Coñeceuno sendo entrenador de atletismo na ONCE, despois fixo con el lanzamento de peso, e despois bicicleta, adaptándose segundo evolucionan as súas facultades. Leva con el 13 anos e o recorda con moito cariño, como alguén especial. Gerardo é todo ánimo, forza, alegre, limpo, perfeccionista, con ganas de vivir..., é un querer falar constante, tocar e achegarse ás persoas, sempre pedindo aprobación sobre se o que fai ou o que di estivo ben. Nútrese dese contacto cando está acompañado, e lle ocupa o seu pensamento nas horas de soidade. Xúrdenos a dúbida, o asombro porque non sabemos se somos quen de poñérmonos no seu lugar, na construción e sensación que do mundo e da realidade terá unha persoa que non ve nin pode oír. Ese illamento,  supoñemos que se rompe cunha maior sensibilidade doutros sentidos, como o tacto, o olfato... e unha mente aguzada que observa as cousas doutro xeito, que ten unha imaxe das cousas táctil, olfativa...


Gerardo pode falar algo e articular sons porque ata os 16 ou 17 anos tiña algo de visión e certa capacidade para escoitar algo. A súa enfermidade foi xerada pola rubeola que padeceu a súa nai durante o embarazo. Gerado ten agora 36 anos, pero neurolóxicamente é como se tivera 65. Pero Gerardo ama a acción, o deporte, a música, saír e facer camiño... "El Camino de los Sentidos", esta experiencia que de ser un soño pasou a ser realidade, esta idea de facer o Camiño de Santiago no ano 2009. Javier  implicouse, acompañouno dende Roncesvalles ata Santiago (790 km), parando de albergue en albergue, sobre un tandem especial adaptado ao seu problema: este vehículo diante leva a Gerardo, quen pedalea pero sobre dúas rodas, e detrás vai Javier pedaleando e sobre unha roda. Esta especie de triciclo permite que os dous fagan o esforzo e movan as pernas, tramo a tramo do Camiño. Resultou ser unha magnífica experiencia para todos os que o acompañaron, tan importante para Gerardo como para Javier, polo enriquecemento que supuxo no persoal a súa estreita relación e o esforzo realizado; sendo unha viaxe física, pero sobre todo emocional.


O documental foi realizado despois de preparar os contactos pertinentes a empresa holandesa que fabrica o tandem que os transporta. Así é como se viron envoltos nunha rodaxe que os acompañou ao longo de todo o traxecto, pero que non dificultou a súa andaina para nada. O obxectivo deste documental é que se vexa que se trata de persoas cunha vida e con dereito a avanzar e ser felices. Queda patente do que son capaces, o que necesitan e o que poden darnos persoas como Gerardo.


Esto que parecía unha loucura, unha vez concluído o Camiño no 2009, sorprendeulles véndose envoltos en maís proxectos que os levaron a facelo tamén en anos sucesivos con diferentes persoas con diferentes problemáticas: de Madrid a Galicia, o Camiño de Santiago de novo, o Camiño pola costa, outra viaxe polas provincias de Ourense e Pontevedra parando en casas de amigos. 
Así participaron tamén no documental "El desorden de los sentidos", que narra a experiencia de Gerardo e Antonio, quen non pode falar nin andar, e de como durante varios días de compartir un itinerario mesturaron os seus sentidos para apoiarse e convivir nesta nova experiencia. E agora mesmo están ocupados en preparar o necesario para ir a Italia: ata Roma en furgoneta, despois 12 días en bicicleta ata Francia...cumprindo un dos soños de Gerardo, quen, como vemos,  non se para ante nada.

Por certo, fináncianse con rifas, así que todas aquelas persoas que queiran contribuír que falen con Fernando!



TAMÉN LEN. ABRIL coa antiga alumna ROSA.

O martes 29 de abril a nosa invitada ao TAMÉN LEN  foi a ex-alumna ROSA, quen departiu con nós animadamente e fixo unha homenaxe ao recentemente desaparecido GABRIEL GARCÍA MÁRQUEZ (Aracataca, Colombia 1927- México DF.2014), lendo un dos contos publicados no libro "Doce cuentos peregrinos", titulado "Tramontana", que seguimos atentamente engaiolados pola ricaz linguaxe do gran escritor latinoamericano.

Macondo, ese lugar imaxinario creado por García Márquez na súa obra máis aprezada "Cien años de soledad", é un estado de ánimo, segundo explicaba o propio autor, está en calquera lugar dos vividos: Barranquilla, Caracas, A Habana, París, Barcelona, Cidade de México. Quere ser un mundo antigo e novo á vez, onde sexa posible a utopía, e a liberdade, a paz, a xustiza, a educación, o amor..., como defendeía este autor inmortal que cría na humanidade.

A presentación correu a cargo dun grupo de alumnas/os e profes que nos deleitaron coas súa voces acompañadas de pandeireta tocada por Andrea, quen comparte coa invitada clases de canto e pandeireta, xa que Rosa leva anos no grupo "DONICELAS" e tamén impartindo clases. O coloquio foi fluído e, coma  sempre, entrañable.





2/5/14

CÁNDIDO PAZÓ.O poder da Palabra.

Nunha actividade organizada por Normalización Lingüística para todos os niveis da ESO, este luns 28 de abril estivo no IES Pedras Rubias Cándido Pazó, a quen podemos presentar como un home de teatro moi completo, pois é actor, director, escritor, adaptador, narrador oral, cómico... cunha longa traxectoria que comezou en Vigo co grupo de teatro "A Farándula".


O poder da Palabra é o título do espectáculo que compartiu con nós. El mesmo explica que "é maís rápido viaxar coas palabras que en avión". Para conseguilo non ten máis que subir a unha escada vermella de catro chanzos, modular a voz enfatizando oportunamente as pasaxes coas que quere atrapar a nosa atención, baixar dela, volta a subir 1, 2 chanzos,  para empezar a contar a historia de Tareixa de Soutelo, quen de nena non coñecía ao seu pai, emigrado en Montevideo, que ía voltar cando chegara o inverno. Pero o tempo é longo para a nena Tareixa e a nai pensa que o mellor será entreterlle a espera á súa filla contándolle un conto cada día para que aprendera a esperar...

Este recurso sírvelle ao actor para manter un fío condutor, namentres pode ir e vir dunha historia a outra sen se perder. A súa intenión é facerlle un monumento á emigración, falar da metáfora dunha inxustiza, pero pensar que toda inxustiza pode ser corrixida co alento solidario.
Na posta en escena destaca a súa vestimenta de cor vermella para chamar a atención e darlle unidade e significado á súa persoa como portadora de historias, dese poder da palabra... Xoga todo o rato coa imaxinación, cos xestos, cun mínimo de obxectos que se transforman, sempre en clave de humor, falando tanto de épocas pasadas como da actualidade, de contos tradicionais, como de manga ou anime xaponés actual... e unificando o espazo entre o actor e o público cunha luz uniforme e alta para xerar diálogo.

Vaia, que pasamos un bo rato rindo coa súa actuación e disfrutando do seu saber facer!!


17/4/14

CONTACONTOS: Os SIAREIROS DA PALABRA saen de xira.

Os días 9, 10 e 11 de abril os SIAREIROS DA PALABRA do Club de Lectura saimos de xira para representar contos dos irmáns GRIMM para os maís pequenos dos CRA de Salceda, nunha actividade de CONTACONTOS programada este curso como colaboración entre o noso instituto e o CRA.


Foi un intenso traballo, pero estamos moi satisfeitos coa experiencia e ademais divertímonos un montón...



-Pasen e vexan no seguinte enlace:


13/4/14

Iª XORNADAS GASTRONÓMICAS


Como novidade, este curso, convocáronse as Iª Xornadas Gastronómicas, abertas á participación de todas aquelas persoas atrevidas cos fogóns, agora que está tan de moda a "Nova Cociña". Hai que dicir que foi un éxito, animou ás mañás e foi un exquisito xeito de dar enerxía neste final de trimestre. Destaca a masiva participación feminina, pero esperamos que para novas convocatorias "eles" se atrevan e sigan o bo exemplo de Fernando, quen presentou unha receita ben rica.

Iº CONCURSO GASTRONÓMICO
MESTRE DA COCIÑA


CULLER DOCE

CHUPAS AFRODISIACOS. Flori.
TRADICIÓN. Flori.
PEDRAS DULCES. Celia.
ESENCIA DE TRUFAS. Loli.
NEGRIÑOS. Begoña Conserxería.
CAPRICHOS. Paula E.Física.
BISCOITO BRANCO NEGRO. María José Matemáticas.


CULLER SALGADA

“PIONONO”. Chefa.
PAN DE QUEIXO. Susana.
PEDRAS SALGADAS. María José Matemáticas.
TORTILLA DE PRIMAVERA. María José Cafetaría.
PEDRAS RUBIAS. Fernando.


*Por orde de votación:

      
1º Premio Culler Doce: Chupas Afrodisiacos.
       
1º Premio Culler Salgada: Pionono.

2º Premio Culler Salgada: Pan de Queixo.

                       IES. Pedras Rubias.
                       Salceda de Caselas, Marzo 2014

12/4/14

TAMÉN LEN con María José na CAFETARÍA..



O luns 31 de abril María José, a quen todas e todos coñecemos pola súa amable atención aos requerimentos de todos na CAFETARÍA do instituto a diario, foi a nosa invitada  e quixo  compartir unha lectura no pequeno tempo do recreo lendo para nós a pasaxe final do libro de Laura Esquivel "Como agua para chocolate". Atractiva obra da que deixamos un fragmento en versión cinematográfica.














Nesta ocasión a sesión desenvolveuse entre o arrecendo do café quente, os bocatas de tortilla e chourizo e a mostra das cualidades culinarias doces ou salgadas que varios de nós quixemos compartir nun concurso promovido por Fernando dentro deste contexto no que aproveitamos para relacionar comida e literatura. Acompañounos tamén a exposición de libros de cociña...

Destacamos o momento da contribución de Begoña, a nosa conserxe, á decoración do lugar, xa que tivo o detalle de facer un particular agasallo. E dicimos particular porque é de elaboración artesanal. Pois se falamos de Begoña, estamos a falar dunha muller que o resolve todo e faino con arte. Ten destrezas plásticas e lle dá tanto á pintura, ao debuxo como a técnicas gráficas como este: 


DEBUXO TRANSFER EN MADEIRA:  
consiste en transferir un debuxo impreso a unha superficie, neste caso a madeira. Temos que imprimir o debuxo nunha fotocopiadora ou impresora láser en negro ou en cor, deberemos facelo en efecto espello.Necesitamos un verniz de transferencia que podemos atopar en tendas de manualidades. A técnica consiste en aplicar o verniz sobre a madeira e tamén sobre o debuxo que queremos transferir. Pegamos o papel na madeira coa cara impresa hacia abaixo, estiramos ben e deixamos secar, podemos acelerar o proceso secando con secador de pelo. Unha vez seco imos sacando o papel da fotocopia mollando cunha esponxa e frotando en movementos circulares ata eliminar todo o papel da fotocopia, quedando o debuxo que tiñamos no papel impreso gravado na madeira. Podemos terminar o traballo aplicando un verniz para madeira ou unha capa de cola branca.












Iª XORNADAS GASTRONÓMICAS

CONCURSO GASTRONÓMICO: MESTRE DA COCIÑA

                  Dou fe do exquisito das viandas, que algunhas elaboraron... 
                                               e outros/as probamos!!
                                          
                          Pequeno Menú mañaneiro


Entrante
Plato
Sobremesa



1/4/14

ZAZ, ou como viaxar a través da MÚSICA

Hai un tempo, Alba, unha alumna colaboradora e asidua da biblioteca, recomendounos a música de Zaz en relación ao tema das viaxes. Aquí deixamos este post para compracela e coñecer un pouco maís desta cantante.

Zaz é unha xoven cantautora francesa que se deu a coñecer nestes últimos anos. Cunha boa formación musical, fusiona a canción francesa co gypsy jazz. Presenta influencias do jazz, ritmos africanos e latinos. Ten unha voz potente que sabe rodear dun estilo fresco,   de letras con mensaxe e de gran simpatía. 

Viaxamos con ela polas rúas de París e destacamos este video dunha actuación en Montmartre:




ou a subida que fixo co seu grupo ao Mont Blanc, neste enlace a este blog de francés que ten moi boas entradas e materiais:

http://onchattefranc.wordpress.com/2014/01/23/quand-la-vitalite-et-spontaneite-de-zaz-se-melangent-a-la-nature/



27/3/14

DÍA MUNDIAL DEL TEATRO. 27 MARZO

"El teatro es el termómetro de la salud de un pueblo". -Federico García Lorca.

"O teatro consiste en representar figuracións vivas de acontecementos humanos ocorridos ou inventados co fin de divertir". -Bertold Brecht.

"Quenquera que condene o teatro é un inimigo do seu país".  -Voltaire.

"Cando vexamos que de novo se aprecia e recompensa aos actores que levan ao escenario ou á pantalla xenerosidade, desexo, vida orgánica, accións executadas libremente -sen desexo de recompensa nin medo á censura ou á incomprensión- teremos un dos primeiros sinais de que a maneira da nosa época introvertida e infeliz comezou a cambiar, e que voltaremos a ter o anhelo e a disposición de contemplármonos a nós mesmos".  -David Mamet.


Sirva o pensamento destes grandes autores, para conmemorar o Día Mundial do Teatro.


Aproveitamos para recomendar este marabilloso libro de Rebecca Dautremer publicado en 2012.




23/3/14

O BOSQUE DAS LINGUAS DO AMOR: "Actividade Río"

-No mes de Febreiro, como primeira fase, e con ocasión da celebración do día dos NAMORADOS, despregamos un gran friso no corredor que foi convertíndose nun extenso bosque cambiante segundo o paso das catro estacións: outono, inverno, primavera e verán. Dende o principio contamos coa colaboración de varios membros do Club de Lectura e alumnos e alumnas atraídos polo debuxo e a pintura que se brindaron a ir dándolle forma a ábores e follas ao longo dos recreos, de certas horas de Atención Educativa e, especialmente, do permiso de Nacho, o profe de Plástica, que deixou saír das súas clases a estas persoas colaboradoras e valorou a súa actividade.

outono

A idea era ter un soporte para despois pegar nas ramas das árbores as follas cos escritos en verso ou prosa poética presentados a concurso polo alumnado interesado e sensibilizado coa creación literaria na lingua escollida: galego, castelá, árabe, italiano...
Por certo, aínda podedes participar..., o caso é animarse a escribir.

inverno 

Inspiradas polo contexto, varias alumnas tiveron tamén a iniciativa de propoñer unha exposición de debuxos de tema amoroso, que acompañarían a presenza do noso TROTAMUNDOS Cali na parte superior, lendo nunha nube de ensoñacións:


O CEO DOS NAMORADOS

Gústache debuxar? Agora podes facelo:
Adica un debuxo a "esa" persoa especial coa temática do AMOR, claro está.
Todos os debuxos entregados na Biblioteca serán expostos xunto a CALI, a nosa pantasma favorita, nun mural por San Valentín.
Atrévete a debuxar!
"Esa" persoa especial o verá!.

O bosque das linguas do AMOR

-Chegado Marzo, e como o proceso deu o seu traballo, nunha segunda fase, e despois de respectar a exposición dos escritos de propia inventiva un tempo oportuno, pasamos a poboar as copas das árbores de máis e máis follas de todas as cores contendo os versos de amor de poetas do noso gusto que fomos seleccionando aquí e acolá, e tamén en diferentes linguas, xa que de fondo estaba a intención de "viaxar a través delas pola poesía de diferentes culturas". Este material está a mercede de seren utilizado por todos para traballar o recitado e a lectura, e serve para poñer en coñecemento dos mozos e mozas os nomes e palabras de escritores fabulosos: Neruda, M. Hernández, Machado, Salinas, Aleixandre, Lorca, Rosalía de Castro, Lupe Gómez, Ángel González, Félix Grande, L. M. Panero, Rimbaud, Pessoa, Xela Arias, Ana Romaní..., e moitos nomes maís de agora e de sempre. É a nosa contribución ao Día da Poesía (21 Marzo) e á Primavera.

primavera

-Será en Abril que, nunha terceira fase -este friso animado polas intervencións que durante todo este tempo fixemos todos os que por alí pasamos e quixemos debuxar ou pintar deixando o noso rastro creativo e a nosa interactividade espontánea-  servirá como decorado de fondo da representación de Contacontos que pensamos facer para os pequerrechos do lugar, no CRA, a finais deste trimestre.

verán

Por todo isto, a denominación de "Actividade Río" parécenos do maís axeitada. É un bo exemplo das destrezas que aprendimos a desenvolver para rendabilizar o tempo e o esforzo empregado por todas/os. Xa só nos queda dar as grazas pola colaboración recibida, que fixo maís lúdica esta actividade.
                                                        

15/3/14

"A PESAR DE TODO QUÉROTE". FILME EDUCATIVO PROMOVIDO POLA CONSELLERÍA DE CULTURA E EDUCACIÓN.

A Consellería de Cultura e Educación, a Televisión de Galicia e Adivina Produccións lanzan unha iniciativa pioneira na educación en valores da mocidade a través da película ‘A pesar de todo quérote’. 

Deixamos o enlace a esta nova que parece interesante. O filme estará colgado na web da Consellería acompañado dunha Unidade Didáctica sobre a educación viária, a educación para a saúde e as feridas emocionais...

É a primeira vez que se fai unha estrea paralela dunha película na televisión e no espazo web da Consellería, desde onde se difundirá aos centros educativos a través da Aula Aberta Abalar. 

9/3/14

TRANSFORMACIÓN DA “PANTASMA CALI” EN “TROTAMUNDOS”




Debuxos de BÁRBARA CARMONA GUILLERMO. 4ºA.

            Cali é unha pequena pantasma travesa que ten os poderes propios da súa condición; como toda pantasma ten a particularidade de poder atravesar paredes, vivir unha eternidade, vagar e vagar no espazo e no tempo, ter o don da ubicuidade… Aínda que leva entre nós xa un lustro, pasou varias tempadas alonxada, pero agora volve para facerse máis presente e compartir con nós múltiples experiencias. Para facelo posible ocorréusenos idear un Cali que é quen de transformarse no que sexa necesario en relación ao que esteamos a traballar cada curso, e disfrutrar un sen fin de aventuras…
            Este curso 2013-2014, o lema da nosa Biblioteca Calixtina é “Viaxes Reais, Viaxes Imaxinadas”, por iso o seu morador perpétuo, a Pantasma Cali, tivo o antollo de transfigurarse en “TROTAMUNDOS”, facéndose así protagonista de excepción e nexo de unión das diferentes actividades que ideamos e montamos ao redor desta temática tan atractiva.
            Para materializar a transformación de Cali en Trotamundos pedimos a inestimable colaboración dunha alumna con destrezas probadas na arte do debuxo: falamos de Bárbara Carmona Guillermo, de 4º A.  A capacidade transformadora da pantasma deulle a pauta para elaborar uns marabillosos e interesantes bosquexos a lápis que van mostrando este proceso de cambio. A idea era crear un  personaxe libre, decidido, curioso, participativo, aberto, sensible, amante da lectura, do cinema, dos novos medios, atento ao que pasa ao seu redor e comprometido coa realidade…; e que fose representativo tanto do masculino como do feminino, que se identificara con calquera de nós e rompera moldes. Bárbara recolleu estas características e, inspirada nos personaxes de manga xaponés, empezou a trazar un Trotamundos coa mochila ao lombo, que camiña, avanza, entra en aventura, fai itinerarios, párase a pensar, adícase a ler, a escoitar, a soñar, a contemplar o que lle sae ao paso, nas súas andainas en diferentes contextos e posturas. De entre as imaxes destacamos esa espléndida imaxe na que é capaz de desenvolver a maxia de provocar que os libros que caen nas súas mans cobren vida e deles saían personaxes fabulosos…
Presentámosvos a este Cali Trotamundos con mochila que camiña ao noso carón… A súa presenza xa se notou no corredor xunto ás exposicións feitas ata o de agora, en especial sobre “O bosque das linguas do amor”.

Queremos facer constar o agradecemento polo magnífico traballo de Bárbara e das súas colaboradoras, Isabel e Wardía. Foi un pracer disfrutar da súa creación.

                                           A coordinadora da Biblioteca Calixtina.




Link issuu.com/biblosvivos/docs/transformaci__n_cali.docx?e=1183732/7023680

6/3/14

TAMÉN LEN CO NOVO INSPECTOR ANTONIO ESTÉVEZ.



O 25 de febrero pasado tivemos como invitado especial ao novo inspector do noso instituto, Antonio Estévez. A sala da Biblioteca foi embelecida polos creativos e fermosos centros de mesa aos que nos ten acostumados Begoña, a nosa conserxe e colaboradora especial en tantas tarefas de base. Fixo os honores da presentación Chefa, a nosa directora, quen falou da orixe salcedense do invitado e das súas vicisitudes persoais e profesionais: 

    PRESENTACIÓN de Antonio Estévez “Inspector”:

Que Parderrubias é o centro do mundo, a estas alturas, non o dubida case ninguén.    Realidade é que Parderrubias ocupa o lugar central dentro da vida académica do noso concello. O futuro deste pobo está a incubarse entre estas pedras, ou máis ben entre estes libros, que agora nos acollen. O  destino está nas vosas mans, e nos vosos ollos. Nas lecturas que asimiledes nestes próximos anos.

Parderrubias.  No diario El País, no seu suplemento “El Viajero”, do 3 de abril de 2010, Parderrubias figura entre os topónimos  máis curiosos de España, pobos con chispa, din eles... “La hija de dios”, “Poyales del Hoyo”, “Guarromán”, “Coscojuela de Fantova”, “Peleas de arriba”... sen dúbida, Parderrubias, é o máis fermoso entre todos eles.

Grandes pedras, grandes penas houbo dende sempre nos outeiros de Parderrubias, e dende sempre a brillar cos raios de sol que iluminaban estas fermosas paraxes... e os tempos non mudan en Parderrubias. Agora non son as pedras as que brillan, agora son os seus homes e mulleres quen destacan nas facetas as que se adican... porque ser de Parderrubias, e por riba, levar o apelido Estévez (fillo de Estevo) é sinónimo de éxito.

Cos datos referidos con anterioridade todos estamos a pensar en Ramón Antonio Gerardo Estévez Phelan, máis coñecido como Martin Sheen, actor norteamericano e fillo do veciño de Parderrubias, Francisco Estévez. A quen seguiremos esperando cos libros abertos, por se algún día temos a sorte de que nos acompañe nunha sesión deste “Tamén len”.
Pero hai outro importante veciño de Parderrubias, nacido a carón deste instituto. Outro Antonio Estévez que non protagonizou historias na gran pantalla pero sí diferentes capítulos do mundo do ensino. Foi, como case todos vós,  alumno do Altamira, cursou o bacharelato en Tui e posteriormente diplomouse en Enxeñería Técnica Industrial. Foi profesor de Formación Profesional pola rama de electricidade, xefe de estudos e director do Instituto Politécnico de Vigo e actualmente é Inspector do Servizo de Inspección da mesma cidade. E é así, como inspector da zona, como volve á súa Parderrubias natal para axudarnos, e acompañarnos nesta ardúa tarefa como é a formación dos seus veciños.
E como é ben seguro que moitos de vós non tendes moi claro o que é un Inspector pedímoslle axuda a algúns compañeiros para ver se vos poden clarificar esta cuestión.

                                              Chefa. Directora do IES Pedras Rubias.


Fernando, xefe de estudos e profe de castelá, tivo a iniciativa de facer un pequeno video onde se entrevistaba a varios alumnos e alumnas preguntándolles que idea teñen do que é un inspector, a que se adica, etc. As respostas en verdade que foron ocurrentes e rimos un bo rato coa súa intervención. 
   
                   
               
Seguidamente, Mar e Jose, de 4º ESO, interpretaron unha peza de Brahms cos seus destros clarinetes.


Tamén pensamos que era unha boa ocasión escoitar os versos que Ettohami, un novo alumno marroquí que está traballando e progresando moito no noso idioma, quixo ler en árabe para sorpresa de todos e satisfacción propia.
                 
           2014-2. Tamén Len. Ettohami from biblosvivos on Vimeo.

Con estos “teloneiros de altura” o inspector estivo encantado de estar entre nós e agradeceu esta magnífica acollida.
Comezou falando de dous libros que lle influíron especialmente cando era adolescente: “O escarabello de ouro” de Poe e “Juan Salvador Gaviota” de Richard Bach. Decantouse por este último para compartir con nós e recomendouno porque ten unha lectura fácil, cun fondo e unas ideas moi positivas sobre as que reflexionar para andar pola vida.
Richard Bach era un piloto das forzas aéreas de EE.UU. que escribiu sobre a idea de voar e as ansias de liberdade. Éste é un libro para todas as idades, que se convertiu nun best-seller nos anos 70. Trata dunha gaivota que se sinte un pouco frustrada por facer o propio dunha gaivota,  ela quería algo máis, porque a súa máxima aspiración era voar e perfeccionar o vo. Será rexeitada polas outras gaivotas que non a comprenden, pero ao final será admirada e provocará que as demais se esforcen coma ela. A moralexa é que con esforzó se consigue todo o que nos propoñemos. A verdade é que podemos dicir con gracia que é un tema moi acaído para un inspector.


Aínda quedaba o turno de preguntas no coloquio final, pero o inexorable timbre decidiu que era hora de clase e quedamos emprazados para outra ocasión. Agradecemos todos a presenza de Antonio e a súa amabilidade por aceptar esta invitación a ler e compartir as inquedanzas do mundo das bibliotecas escolares.

5/3/14

DÍA da PAZ: XANEIRO con MANDELA


Celebrar o DÍA DA PAZ coa figura de MANDELA é doado, oportuno e, no seu caso, tanto o personaxe como a persoa o merecen. Foi un lider necesario para resolver a problemática do seu país: unha Sudáfrica asolada polas inxustizas xeradas polas diferenzas de pobos e culturas sometidas ao poder dos brancos (colonizadores ingleses) que estableceron durante anos un réxime de APARTHEID, de limitacións xurídicas, políticas, sociais, económicas... sobre a poboación “negra” natural de Sudáfrica.














            Foi avogado, estivo no cárcere condenado a cadea perpetua, onde permaneceu 30 anos. O seu pensamento derivou cara a unha defensa da resolución dos conflitos a través de acordos pacíficos, sen usar a violencia, que pensaba xeraría maís violencia naquelas circunstancias. A súa loita e a do seu partido o CNA (Congreso Nacional Africano), que comezou con sabotaxes e violencias contra o poder dos brancos, acabou vencendo o APARTHEID dende unha postura pacifista, que buscaba o restablecemento da igualdade de dereitos para todos. Cando saíu do cárcere non tardou en ser elixido presidente do seu país, en 1994. Gañou o respecto da comunidade internacional, e lle concederon en vida o Premio Príncipe de Asturias e o Premio Nobel da Paz.

             Interesounos destacar e traballar co alumnado unha idea propia da comunidade onde naceu Mandela, o pobo xhosa, idea que guía as súas vidas e accións: UBUNTU e significa: “eu son se todos somos”,  está na base da defensa da igualdade de oportunidades, recursos e dereitos.

ACTIVIDADES:

Traballamos en colaboración Orientación, o Departamento de CC.SS. e a Bilbioteca, e fixemos tres actividades paralelas:

- Visionado do documental O xogador nº 16 por todos os cursos. Ficha de traballo.


- Exposición: imaxes e textos explicativos das accións maís importantes de Mandela.

- Lectura de textos da autobiografía de Mandela: acto de asistencia voluntaria no recreo na Biblioteca Calixtina o luns día 3 de febreiro. Postos en círculo e sentados no chan asistimos á lectura compartida que resultou moi interesante na opinión dos asistentes. De fondo, música africana comprometida e imaxes significativas.







Mandala do poeta Guilherme Mansur

12/2/14

Pequena homenaxe a Julio Cortázar

Tal día como hoxe, hai xa trinta anos deixaba de vivir Julio Cortázar. Mais soe ocorrer que hai seres inmortais, que sobreviven na obra escrita e en actos significativos que recordamos; como é o caso deste particular escritor que dicía que el escribía cando lle apetecía, por iso non se consideraba un escritor ao uso.

Que mellor que a súa propia voz, tan atractiva, para escoitar as súas palabras... neste caso de amor, perfecto exemplo de prosa poética, e tan oportunas para inspirarnos na nosa andaina como escritores ocacionais...


7/2/14

BASES CONCURSO DE ESCRITA - NAMORADOS-FEBREIRO 2014




-BIBLIOTECA E DEPARTAMENTOS DE LINGUAS-

         Para promocionar as inquedanzas e ansias de exercitar a experiencia da escrita ao redor da temática amorosa, co gallo do día dos Namorados, convocamos o CONCURSO:

MENSAXES CURTAS DE AMOR:
“AS LINGUAS DO AMOR”

Toda aquela persoa que queira participar deberá axustarse ás seguintes BASES:

- Elaborar escritos orixinais (de invención propia) en prosa poética ou en verso, na lingua que se quixer: galego, castelá, francés, inglés, portugués, árabe ...

- A extensión dos textos será non inferior a 4 versos ou a 2 liñas se é prosa, e non superior a 14 versos ou 12 liñas se é prosa.

- O contido xirará ao redor da temática do AMOR.

- Presentarase cada texto nunha cartolina ou folla de papel (de tamaño 15 cms. como moito) recortada en forma de folla de árbore e pintada coas cores naturais das follas vexetais, a elixir entre a gama dos verdes, amarelos, alaranxados, avermellados; para despois colocala nas copas das árbores do friso das 4 estacións, pintado no corredor da planta baixa. Todos os textos en forma de folla serán expostos para conformar

“O BOSQUE DAS LINGUAS DO AMOR”

- Os textos serán presentados en sobre pechado contendo os datos do autor/a e o título da súa obra, facendo constar por fóra do sobre un pseudónimo (nome falso) que cada quen recoñecerá.
- O prazo remata o venres día 14 de febreiro á hora do recreo. Serán entregados en Biblioteca, á hora do recreo, ou en Conserxería.

-Haberá un único premio: unha “CEA ÍNTIMA” para dúas persoas.


ANIMÁDEVOS!!